O Concello establece un protocolo de prevención para evitar contaxios polo...

O Concello establece un protocolo de prevención para evitar contaxios polo COVID-19

Ante a situación que está provocando o coronavirus, o Concello de Cambre acaba de tomar as seguintes medidas de prevención tendo en conta as directrices indicadas tanto pola Xunta de Galicia como polo Goberno do Estado:

  • A Xunta acaba de anunciar a cancelación das clases en todos os niveis educativos a partir do próximo luns, 16 de marzo –e durante un período de 14 días-. Quedan suspendidas, ademais, todas as actividades lectivas e extraescolares.
  • Cancelación dos eventos culturais, deportivos e/ou xuvenís –incluído o Cityplan– organizados polo Concello. Todas as actividades quedarán canceladas desde mañá, venres 13 de marzo .
  • Cancelación das feiras. As feiras do Temple –prevista para mañá, venres 13 de marzo- e a de Cambre –prevista para este domingo, 15 de marzo- quedan suspendidas.
  • As instalacións municipais permanecerán pechadas: locais sociais, Museo Arqueolóxico, Casa das Palmeiras, Casa da Cultura Vila Concepción, bibliotecas 📖, piscina municipal, ximnasio, etc. Recoméndase aos veciños e veciñas que realicen calquera consulta por vía telefónica ou telemática. O rexistro municipal seguirá aberto, exclusivamente, para atender casos de urxencia.
  • No caso do departamento de Servizos Sociais, tan só se atenderán, de forma presencial, aquelas citas de carácter urxente. O resto de citas atenderanse por vía telefónica ou a través do correo electrónico.
  • En canto ao Servizo de Axuda ao Domicilio, o Concello establece tamén as seguintes medidas:

1- Os traballadores e traballadoras que prestan o Servizo de Axuda do Domicilio deixarán de acudir a aquelas vivendas nas que a súa función sexa, unicamente, a realización de tarefas domésticas.

2- Reduciranse e/ou eliminaranse as visitas dos traballadores e traballadoras a aqueles domicilios nos que o usuario ou usuaria conte co apoio dunha 3º persoa que se poida facer cargo do seu coidado.

3- O Servizo de Axuda a Domicilio seguirase prestando con total normalidade nos casos de urxencia. Esta urxencia virá determinada, en todo caso, polo equipo de técnicos de Servizos Sociais.

  •  O Concello instaurará o sistema de teletraballo entre os traballadores e traballadoras da Casa Consistorial. Con todo, todos os departamentos contarán tamén con persoal que traballará de forma presencial.
  • A modalidade de teletraballo impoñerase tamén entre os concelleiros e concelleiras do goberno local. Así, a partir da próxima semana, haberá 4 concelleiros que traballarán de forma presencial, mentres que o resto estarán nos seus domicilios.

Máis información: https://bit.ly/33aWvgm

Medidas adoptadas pola #Xunta:  https://bit.ly/39Lhs3P