O Concello saca a contratación a construción do edificio sociocultural de...

O Concello saca a contratación a construción do edificio sociocultural de Cela

O Concello de Cambre segue traballando para sumar novos servizos e infraestruturas nas parroquias do municipio. Dentro da lista de actuacións, o goberno local continúa dando pasos para responder a unha demanda histórica dos veciños e veciñas de Cela: a construción dun edificio sociocultural. Trátase, tal e como incide o alcalde, Óscar García Patiño, dun compromiso que o Concello contraera coa Asociación de Veciños de Cela, “e que pronto se converterá nunha realidade”.

Así, o Concello acaba de sacar a contratación o proxecto de execución do edificio por importe de 189.821,10 euros. As intervencións inclúen a construción dun edificio sociocultural nas inmediacións da igrexa que dea servizo ás necesidades da entidade veciñal de Cela. O equipamento contará cunha sala de usos múltiples –que se destinará a actividades como ioga, pilates, ximnasio, etc.-, cunha estancia que funcione como salón de estar ou cafetería e comedor e que dispoñerá de zona de office.

Así mesmo, o proxecto inclúe un pequeno despacho que se utilizará como zona administrativa e dous baños adaptados, un deles con ducha e coa posibilidade de funcionar como vestiario en caso de ser necesario. O rexedor lembrou as dificultades para facer realidade esta demanda: “ cando cheguei á alcaldía había un acordo plenario para facer ou local social, pero a leira non se mercara e nese chan non podíase construír por ser núcleo rural”. A adquisición dos terreos despexou o camiño para facer realidade un proxecto pendente desde fai máis dunha década.