
Mentres podamos soñar, sentiremos que todo é posible.
Hai uns anos poucos podían imaxinar que Cambre lograría ser gobernada por veciñas e veciños para os que a súa maior preocupación fora a de traballar polo seu concello. Un goberno presidido por un partido local que só se debe á veciñanza de Cambre, que non ten a ninguén por riba que lle diga o que ten que facer, cando o ten que facer e como o debe facer. SOMOS VECIÑOS E DECIDÍMOLO TODO XUNTOS.
E por iso, en UxC, soñamos o Cambre que queremos, un Cambre que xa empezou a facerse realidade.
Pero queremos seguir soñando. Soñando cun Cambre medioambientalmente sostible; un Cambre que xera riqueza coa recuperación do patrimonio forestal, hidrolóxico e natural. Un patrimonio natural que poidamos desfrutar no noso tempo de lecer, onde os espazos naturais nos acollan coas mans abertas ofrecéndonos todo aquelo que anhelamos. Un Cambre sostible, que xere emprego e riqueza, pero preservando a nosa natureza.
Soñamos cun Cambre moderno, conectado coas novas tecnoloxías, pero capaz de volver a vista atrás para recuperar a súa esencia. Esa natureza única que nos envolve e que a tanta xente engaiolou ao longo da historia.
Soñamos un Cambre inclusivo, comprometido, accesible e participativo. Un concello no que cada veciño é protagonista e onde todos poñemos o noso gran de area para facelo medrar.
Soñamos con encher de vida históricas edificacións que hoxe están adormecidas, con abrirnos ao Mero dos nosos antergos, con vivir nun concello onde o rural e o urbano conviven nun ideal equilibrio.
Un Cambre soñador, vivo e alegre, que ofrece todo o que ten aos seus veciños e conquista o corazón doutros que elixen este concello para vivir. Un Cambre que todos sintamos como propio.
Ese é o Cambre polo que traballamos convencidos de que, máis pronto que tarde, un día, ao espertar, ese soño será realidade.