Óscar García Patiño elexido como candidato de UxC ás municipais de 2019

Óscar García Patiño elexido como candidato de UxC ás municipais de 2019

Unión por Cambre (UxC) elexiu por unanimidade onte, en Asamblea Xeral, a Óscar García Patiño como candidato ás eleccións municipais de 2019.

O alcalde de Cambre e candidato de UxC asegurou, durante a súa intervención na Asamblea, que «non hai maior orgullo que ser alcalde de Cambre» ao tempo que dixo sentirse moi feliz de presentarse como candidato de UxC. Con forza e gañas afronta García Patiño esta nova etapa na que UxC seguirá falando de Cambre porque, tal e como sinalou o candidato, é un partido de veciños de Cambre que traballan por mellorar o seu concello.

 

García Patiño falou do traballo de UxC ao frente do goberno local asegurando que foron quen de «iniciar unha edificación creando bases sólidas para que continúen co paso do tempo. Non facemos castelos no aire. Deixamos de lado a vella política do amiguismo e caciquismo para gobernar para os 24.000 veciños de Cambre»

Con ilusión e gañas para afrontar un novo mandato ao frente do concello de Cambre, García Patiño fixo balance do traballo feito e sinalou, entre outras accións, demandas históricas que conseguiron sacar adiante nesta lexislatura como o arranxo dos locais de Meixigo e Sigrás, o proxecto para construir o local social de Cela, a apertura da Horta do Cura e da rúa Balado, entre outras.

O alcalde de Cambre e candidato de Uxc ás municipais de 2019, agradeceu o traballo dos seus concelleiros no goberno así como o que están a facer todos os seus compañeiros de partido para rematar a súa intervención asegurando que UxC conta co mellor equipo para seguir dirixindo o presente e o futuro do concello cambrés.