Papeis para unha breve historia de Cambre III (2)

Papeis para unha breve historia de Cambre III (2)

CAPÍTULO III. Parte II

A Cultura Castrexa (desde o 1.200 a. X.C. ata a romanización)

Os Castros do Concello de cambre

0.-INTRODUCIÓN.

Como na maior parte de Galicia, a densidade de Castros é en Cambre extraordinaria. Actualmente contamos con 12 castros en desigual estado de conservación. Son os seguintes:

-Castro de Castromaior, Cambre

-Castro de Armental, Pravio

-Castro da Xoxa ou de Alvarón, Pravio

-Castro da Fraga de Ríos, Cecebre

-Castro A Castreira, Cecebre

-Castro O Castro, Bribes

-Castro de Brandariz, Vigo

-Castro de Gosende, Andeiro

-Castro de Meixigo, San Lourenzo

-Castro da Pagueira, Brexo

-Castro de Lema, Brexo

-Castro de Sigrás, Sigrás

A orografía do Concello de Cambre permite que a ubicación dos castros adquira unha especial relevancia. No plano físico o termo municipal artéllase arredor do val fluvial do río Mero e dos seus vales adxacentes.

Os nosos Castros atópanse normalmente en pequenos outeiros que non adoitan sobrepasar os 100 metros de altitude e ubícanse en emprazamentos con moita visibilidade, o que permite deducir unha posible función de control das vías de comunicación.

En xeral, como dicía antes, non son castros moi grandes, aínda que destaca a potencia dos sistemas defensivos. A calidade dos terreos así como a súa feracidade permiten a hipótese de actividades relacionadas sobre todo coa actividade agrícola e gandeira.

En suma, os Castros de Cambre sitúanse en ubicacións privilexiadas o que permite o control de territorio, sobre todo co dominio das vías de comunicación que teñen que ver co estuario da ría do Burgo-Temple. Os castros do norte-noroeste dominan antigos pasos como o val do río Mero, o val de Veiga, ruta natural cara a terras de Bergantiños e, como non, o estuario do río Mero e a ría do Burgo. Os castros situados ao norte e ao norleste dominan a vía de comunicación vencellada co río Gandara e que conduce a terras de Betanzos. As comunicacións interiores teñen que ver con vías prehistóricas que levan ao interior de Galicia cara ao sur: a estrada que vai a Carra,l e a que hoxe é o Camiño Inglés cara a Santiago.

O estudo dos castros do noso territorio non se pode levar a diante sin ter en conta o contexto xeográfico inmediato, posto que na Idade do Ferro pouco sabían das división administrativas actuais. O tramo final do río Mero e o inicio do Val de Veiga por onde discorre o río Gaiteiro (Valiñas) están defendidos por varios castros que controlan estas rutas de tránsito: o Castro de Sigrás, con relación de visibilidade do Val do río Mero, a ría do Burgo e o Val de Veiga, desde o que se divisan os Castros de Cambre, Alvedro e San Cosme; ao outro lado do río Mero, o Castro de Cambre, que divisa o Castro de Sigrás, e o de Alvedro, así como todo o esteiro do Mero. Río arriba, o Castro de Armental, dominando todo o val do río Gándara en relación co castro de San Pedro; mais arriba, case na cabeceira, o Castro da Xoxa (con intervisibilidade co Castro de Iñás), o Castro de Frais que domina este val e está en relación de visibilidade cos vales do Mero e do Barcés. Pola outra ribeira do río Mero, O Castro de Bribes domina, cunhas vistas impresionantes, o que fora a confluencia dos ríos Mero e Barcés.

Ningún dos Castros que temos en Cambre foi obxecto de excavación arqueolóxica. Ademais das catalogacións pertinentes só podo destacar as prospecións feitas por Henrique Monteagudo.

5839D6C3-AA2A-4D06-AE9E-34A5E30E3029

Aínda así e para rematar, vou facer unha somera descrición dos castros mencionados mais arriba:

Castro de Cambre ou Castromaior

O Castro de Cambre ocupa un outeiro que domina toda a contorna nos catro puntos cardinais, sendo a visibilidade menor cara ao leste. A súa forma xeral é circular tendendo á elipse.

En canto á arquitectura visible (a invisible son os restos que quedan baixo terra), distribúese a través de dúas liñas defensivas concéntricas; a interior, que delimita a croa, atópase prácticamente esnaquizada, pero aínda está a conservar o terraplén que, polos lados do oeste, norte e sul, acada de término medio unha altura de entre tres e cinco metros. A continuación, de cara ao exterior, unha segunda liña aplanada, que se abre na orientación do leste, debuxa un amplo antecastro no que se abre a entrada principal.

Conserva restos das murallas de mampostería e tamén restos dos foxos defensivos. Unha gran parte do antecastro do leste está desfeita debido ás obras do colexio, do pavillón polideportivo e da estrada.

Os veciños de Cambre contan que un túnel comunicaba o Castro coa igrexa monacal de Santa María.

Castro de Armental, Pravio.

O Castro de Armental sitúase no cume dun outeiro a uns 120 m de altitude sobre o nivel do mar. Trátase dun castro de forma elíptica tendente a rectangular cun recinto interior (croa) e un antecastro de forma irregular que o circunvala pola cara sueste.

As dimensións aproximadas son de 80 m de diámetro, contando con aterrazamentos de extensión (probablemente o antecastro) cara ao sul e sueste. Pola cara do norte, que mira ao val do rego da Gándara, unha pronunciada pendente conformada por pequenas terrazas, fai inútil calquera outra construción defensiva.

A croa atópase moi esnaquizada posto que no seu interior realizouse unha canteira, de xeito que un enorme burato ocupa case a metade do recinto. Sen embargo aínda está a conservar unha boa parte da muralla (albíscanse muros de mampostería polo interior) que defende a croa. A entrada está orientada ao sueste e consérvase en bastande bo estado.

Varios parapetos concéntricos esténdense cara ao exterior e entre as dúas liñas de muralla pódese contemplar algún pequeno resto do foxo defensivo.

Castro de Sigrás

Xacemento de forma tendente a circular defendido por unha muralla e parapeto concéntricos, entre as que seguramente houbo un foxo. Acada unhas dimensións aproximadas de 80 ms. de diámetro, con terrazas de expansión ao S y ao L. Seguramente é un dos castros mellor conservados, posto que forma parte dos terreos do Pazo de Sobrecarreira.

Conserva restos de muralla e de cabanas. Nos arredores aparecen varios muíños de man e a antrada está orientada ao sul, a parte menos defendida. No centro mais ou menos xeométrico aparece un afloramento rochoso de pedra esquistosa no que se debuxan varias cazoliñas, petroglifos que moitas veces se atopan nos castros de difícil adscrición crono-cultural.

Cara o sul serpentea unha corredoira chamada “Corredoira do Carneiro” e, no mesmo lugar existe o microtopónimo “Carneiro”. Este topónimo, moi común no norte de Portugal, procede do indoeuropeo “-carn”, morea de pedras, e ten que ver coa costume dos celtas de amorear pedras nas rutas moi transitadas e nos límites dos poboados. Os camiños prehistóricos estaban sinalados por estes característicos amoreamentos de pedra ou amilladoiros. Os romanos seguiron aproveitando estes camiños como vías secundarias e a igrexa colocou sobre eles cruces e cruceiros.

No Castro de Sigrás aínda se conserva a lenda sobre o túnel que comunicaba a croa do castro co pazo. Considérase que era o lugar de escape en caso de perigo. Outra lenda fala tamén dun túnel que comunicaba a croa co Pozo da Campana, nas ribeiras do río Mero.846100E6-81F9-4E4C-BE1D-2ED5F3801B5F

Castro de Meixigo. San Lourenzo

Trátase dun xacemento de forma tendente a circular cun recinto principal ou croa que mide 150 por 120 ms. nos seus eixos mais grandes, defendido por unha muralla perimetral e unha terraza como segunda liña defensiva concéntrica.

Na 2ª liña defensiva (“Garganta de Arriba”), adicada a labouras agrícolas, puiden apreciar numerosas pedras esquistosas e de cuarzo así como numerosos anacos de cerámica lisa en superficie. Hai xa moitos anos, nunha incursión polos arredores, puiden ver un muíño de man de forma navicular na superficie da croa: hoxe está na casa dun dos seus propietarios.

Actualmente xa non se pode ver a metade da muralla perimetral: unha paleadora, por encargo dos donos desta parte do castro foi a encargada de realizar o expolio. Cara a esa mesma parte, que coincide co norte, o Castro linda cunha antiga corredoria chamada “Corredoira das Coireiras”. Este camiño desemboca ná antigua corredoira que ía de Brexo a Andeiro e que pasa a carón do Castro da Pagueira. Na muralla perimetral, coincidindo coa segunda liña defensiva (antecastro), apreciánse pequenos derrubos e anacos de muros de mampostería formados por pequenas pedras, moi ben colocadas. Esta terraza, que conforma a 2ª liña defensiva, está adicada a labouras agrícolas e chámase “Garganta de Arriba” (outra terraza máis abaixo denomínase “Garganta de Abaixo”). A muralla defensiva perimetral, cara ao sueste –a mellor conservada-, acada unha altura de mais de tres metros. No interior a altura é aproximadamente dun metro e medio. O derrame do talude da 2ª liña defensiva acada unha altura de máis de cinco metros. A parte que coincide coa muralla derrubada hai uns 40 anos adícase a plantación de eucaliptos. A outra parte está a monte e nos muros defensivos hai vexetación atutóctona (carballos, castaños…). Tamén unha boa parte deste muro perimetral atópase coroado por unha alambrada con piares de formigón.

Conta a lenda que desde o Castro de Meixigo os “mouros” xogaban aos bolos por un túnel aéreo que comunicaba cos habitantes do Monte Xalo.

Castro da Pagueira, Brexo.

Trátase dun xacementro de forma elíptica, rodeado dunha muralla perimetral, situado na cima un poderoso outeiro. Formou parte dos terreos do Pazo da Pagueira e hoxe é imposible o acceso. Os aterrazamentos defensivos son moi pronunciados e están en bo estado de conservación, cousa que, segundo algunhas informacións, non ocorre o mesmo coa croa.

Castro do Lema, Brexo.

Non é recoñecible na actualidade, podendo afirmar únicamente a existencia dun foxo defensivo cara ao noroeste de seu emprazamento así como restos da muralla en moi mal estado de conservación.

Castro da Xoxa ou de Alvarón, Pravio.

Xacemento de regular tañamo (150 por 130 ms.) que amosa un recinto elíptico rodeado dunha muralla de 4 a 6 m. de altura. Ocupa a cima dun outeiro con terrazas de expansión na súa base. É posible a existencia dun foxo ao pé da muralla.

A zona do sur, por onde está a entrada tradicional, por onde estaría o antecastro, aparece cuberto de construcións, incluso algunha pegada á muralla. Segundo as miñas informacións, cando se fixeron estas construcións apareceron restos de cerámica en bastante bo estado de conservación. Hoxe están en mans particulares.

Castro das Croas. Bribes.

Moi desfigurano na actualidade, debeuse articular a partir dun recinto central defendido cunha muralla ou terraplén cunhas medidas de aproximadamente 100 m. de diámetro. Atópase rodeado de terrazas que amplían a súa extensión. O control de visibilidade é extraordinario, contemplándose amplas vistas de todo o encoro de Cecebre.

Do castro de Bribes puiden recoller varias lendas. A primeira contouma un veciño que asegurou que atopou armas neste castro e, como non lle valían, fixo fouciños con elas: él quería armas novas para matar xente porque as vellas non lle valían. Contoume tamén que no Castro de Bribes aínda viven os mouros.

Outro veciño informoume de que en Fontefría hai unha cova que vai comunicar co castro. O castro está habitado polos mouros e os mais vellos contaban que a cova pasaba por debaixo do Castro. Na cova de Fontefría tamén vivían os mouros.

Castro de Brandariz. Vigo.

Xacemento que se ubica na parte alta da aba do Monte do Castro, que aparece defendido por unha alta muralla no arco do suroeste. As súas posibles defensas teñen forma de terraza aterraplanada. As súas dimensións orixinais acadarían os 90 m. de eixe maior.

A pesar da desfeita producida despois da reforma agraria, aínda se poden albiscar algúns restos de foxos defensivos. En xeral hoxe a súa fisonomía é prácticamente irrecoñecible.

Castro de Frais ou da Fraga de Ríos, Cecebre.

Non sei prácticamente nada deste poderoso castro, posto que se atopa dentro da estensa finca do que se chama a Fraga de Ríos. O que puiden albiscar hai tempo, acompañado pola familia propietaria, foron os restos da muralla defensiva así como un muíño de mán que gardan no xardín. Un topónimo cercano “A Mota”, permite deducir a existencia deste castro.

Castro A Castreira, Cecebre.

Despois de moito buscar polo sur da parroquia de Pravio, lindando con Cecebre, non atopei nin rastro deste castro que aparece catalogado. Por eso unha conclusión provisional permíteme deducir que este castro estaba no que hoxe é a graveira de Cecebre, vinculada á Fraga. Por eso considero que deste xacemento non se conserva hoxe en día mais que o nome.

Castro de Gosende, Andeiro.

Deste castro, repetidamente nomeado na bibliografía, pouco atopei despois de repetidas pesquisas. Algúns muros por aquí, outros terrapléns por aló…, pero a presión urbanística sobre esta zona, fai que hoxe non se poida recoñecer moita cousa.

Aínda así, nunha das miñas incursións pola zona, atopei no perfil dun balado, un anaco de ladrillo romano e outro de cerámica indíxena negra con rebordo, hoxe gardados no Xacemento romano.

8793BA81-9826-48A7-BF13-3F606C8E10C5

Saúde e sorte!!!

Moncho Boga. En Sigrás, na primavera do coronavirus de 2020. Permanecendo na casa!!!