Papeis para unha breve historia de Cambre II

Papeis para unha breve historia de Cambre II

CAPÍTULO II.

A Idade do Bronce

0.-INTRODUCIÓN.

Hoxe vou continuar seguindo a nosa liña do tempo, aquela que presentei no Capítulo I.

Unha das concrecións mais características da Idade do Bronce Atlántica son as gravuras denominadas petróglifos, ou debuxos na pedra. Pódese dicir que non hai recuncho en Galicia no que non se atope plasmado ese afán grafiteiro dos homes da Idade do Bronce. Cambre non é unha excepción: atopamos os pegtróglifos da Pena da Nosa Señora, na parroquia de Cambre e algún outro petroglifo no Castro de Sigrás.

Pero hai outros características materiais que teñen que ver con esta época. Entre Cambre e Culleredo, no río Mero, atopouse unha espada ou puñal gardado no Museu Arqueolóxico de San Antón: adscríbese, crono-culturalmente á última Idade do Bronce e pode ter que ver co cambio na mentalidade dos enterramentos: ao ser atopado no río dedúcese o costume de enterramentos rituais nos cursos fluviais, e dicir, o difunto co enxoval guerreiro. É unha espada pertencente á tipoloxía “lingua de carpa”, pola semellanza coa característica morfolóxica deste peixe.

Como curiosidade hai que contar que un dos tesouros mais famosos adscritos á Idade do Bronce foi atopado en Caldas de Reis e está custodiado no Museo de Pontevedra: consérvase un peine, tres vasos (dous deles con decoración xeométrica incisa), vinte e oito anillas-lingote macizas, tres lingotes-barra e seis fragmentos dunha lámina de tiras. Todo este conxunto pesa 14,9 kgs. Tamén da Idade do Bronce é o Casco de Leiro, gardado no Museu de San Antón.

Intentarei explicar en liñas xerais, en primeiro lugar, as notas que definen esta época para, a continuación, contarvos todo o que se refire ou que sei a día de hoxe sobre a Pena da Nosa Señora.

1.- A Idade do Bronce Atlántico.

Os petroglifos son un tipo de monumentos extraordinariamente enigmáticos. Como “debuxo ou grafía na pedra”, en xeral se presentan e representan esquemáticos animais, armas, escenas de caza ou pastoreo e motivos xeométricos, como os círculos concéntricos, os labirintos ou as cazoliñas.

Pódese entender, e ás veces explícase, esta manifestación cultural da arte rupestre como unha representación de escenas cotiás, de rituais e, ademais, como representación de fantasías, de paisaxes máxicos e ata como calendarios.

A manifestación máis sinxela e tamén unha das máis comúns é a das cazoliñas. Estes motivos semiesféricos cóncavos ás veces preséntanse illados, pero tamén formando parte doutras figuras, xeralmente círculos concéntricos e labirintos. Cando as cazoliñas se presentan illadas, a súa explicación vira extremadamente complexa e dificultosa, podendo adscribirse á Idade do Ferro e ata a datas medievais.

IMG_2964

Labirinto de Mogor 

2. Cronoloxía.

O petroglifo obxecto deste estudo conforma un conxunto de “cazoliñas” así como de diversas gravuras de difícil adscrición crono-cultural que poden pertencer incluso a épocas moi posteriores, como se dicía antes. As cazoliñas e os petroglifos en xeral vincúlanse á Idade do Bronce Atlántico, e dicir, entre o 2500 e o 1000 a de XC, aproximadamente.

En moitos casos as cazoliñas en rochas e en lugares “límite”, poden cumprir precisamente a función de marcos de termo medievais, aínda que considero que este non é o caso posto que o lugar non coincide cos límites históricos da parroquia de Cambre. Tampouco se debe olvidar a posibilidade de adscrición á Idade do Ferro, suxerida en moitos casos na xeografía galega.

IMG_2965

3. O modo de vida na Idade do Bronce.

Os homes da Idade do Bronce Atlántico formaban comunidades adicadas á agricultura e á gandeiría como base económica; con todo, nos petroglifos a temática máis representada é a vinculada coa caza e coa guerra: armamentos, cacería do cervo, escenas acrobáticas, etc. Por iso afaise considerar que se trataba dunha sociedade seminómada, con estadías temporais en determinados lugares, alternando a economía sedentaria coas

actividades de caza e pesca. Os hábitats coñécidos e escavados en Galicia nos últimos anos amosan pequenas cabanas circulares construídas con material perecedeiro, o que parece corroborar ese carácter seminómada.

Un amigo arqueólogo escavou nos anos oitenta un asentamento do Bronce na Serra do Bocelo. Un dos descubrimentos mais curiosos foi unha cunca de cerámica que contiña graxa animal e anacos de elementos vexetais que ben poderían ser berzas. Trataríase da primeira taza de caldo do país galego!!!!!

IMG_2966

Homes e cervos. A Pedrosa

4. Descrición da Pena da Nosa Señora.

Atópase ubicada nas últimas estribacións do pequeno espolón dos Montes da Pega, no antigo camiño do Temple a Cambre (500 m ao NW do Castro de Cambre, en liña recta). O lugar é estratéxico posto que desde alí pódese contemplar o esteiro do río Mero e o comezo da Ría do Burgo.

Os petróglifos aparecen nunha gran laxe de pedra con dous paneis de cazoliñas ben diferenciados, unha depresión (“cama da Nosa Señora”) e dúas letras maiúsculas de época moderna. Os dous paneis de cazoliñas, consideradas por algúns investigadores “mesas de ofrenda”, amosan, o primeiro, catro coviñas e o segundo nove. Tamén aparece unha liña curvada: trátase, segundo a crenza popular, da “ferradura do cabalo ou da burra da Virxe”.

IMG_2967

A Cama da Virxe

Cara ao oeste a laxe debuxa unha lixeira depresión que se vai alongando cara oa norte: é a denominada “Cama da Santa” ou “da Nosa Señora”, cama na que é posible que noutros tempos se realizaran ritos de fecundidade, feito ben documentado en lugares semellantes noutras zonas de Galicia. É así que a depresión vaise estreitando de xeito que toma a forma dos ombreiros e da cabeza.

Casi medio metro ao leste da cabeceira da cama aparecen unhas liñas gravadas que semellan dúas maiúsculas xustapostas formando un “C” e un “R”, con dúas liñas horizontais enriba de cadansúa. A súa situación ao carón do camiño antigo fai sospeitar que delimiten e signifiquen “Camiño Real”

IMG_2970IMG_2969IMG_2969

Paneis 1 e 2

No extremo nordeste aparecen dous paneis ou superficies horizontais: no maior pódese ollar unha cazoliña de case dezaseis cm de diámetro á beira doutras oito cazoliñas moito máis cativas. No segundo panel tres cazoliñas moi pequerrechas acompañan a outra mais grande que acada os dez cm de diámetro.

5. Etnografía.

Os veciños de Cambre coñecen perfectamente todo o relativo á Pena: as inscricións, a cama da Virxe, falan dunha cunca, dun pote…, ou dos “pociños” onde os señoritos botaban os cartos que logo eles mismos recollían. A forma antropomorfa é o lugar onde a Virxe se deitou a descansar, a liña curva é a pegada da burra da Virxe, que quedou para sempre petrificada na rocha en forma de ferradura.

Outras versións moi semellantes contan que na Pena debúxase o corpo dunha muller (a Virxe) durmindo. Falan tamén da pisada da burra (só ves se a pedra está limpa), os buratos da cunca para comer (as cazoliñas), como si fose un fregadeiro e incluso un rego do trigo para “comer o pan” que é unha liña tallada na pedra.

IMG_2971

Por estas paraxes, segundo os meus informantes, pasou a Virxe coa súa burra e quedou a durmir na pena, deixando aí a súa pegada. Mais abaixo cóntovos algo desta divina viaxe.

Cambre, como parroquia eminentemente rural, dependía para as colleitas das axeitadas condicións climáticas e polo tanto da vontade do/s seu/s deus/es. Deste xeito, nos períodos de longa seca, organizábanse procesións “rogativas” ata a Pena da Nosa Señora para intentar influír no tempo. Normalmente as comitivas ían encabezadas pola imaxe da Virxe que se está a gardar na parroquial de Santa María de Cambre. Ás veces xuntábanse varias parroquias en procesión, cadansúa co seu santo patronal, ou aqueloutro que tivera máis poder sobrenatural.

IMG_2972

Imaxe dunha das últimas “rogativas” organizadas cara á Pena da Nosa Señora. A particularidade é que participan cando menos, cinco parroquias. Fotografía propiedade do Arquivo Fotográfico Municipal de Cambre

Algúns veciños aínda lembran a que foi a última procesión “rogativa”: cando a comitiva procesional voltaba da Pena, caeu unha tromba de auga tan grande que todos os peticionarios (engadindo ao cura) fuxiron deixando á Virxe no medio dun descampado.

Pero tamén se lle atribúen milagres a esta senlleira pedra: cando uns ladróns fuxían coa imaxe da Virxe roubada no templo románico parroquial, á altura da Pena, a talla revirou mirando cara ao petroglifo. A pesar dos esforzos dos facinerosos, a terquedade da Virxe impúxose férrea: dalí non a movía nin… Os ladróns, presa do pánico, decidiron a devolución da imaxe.

6. Conclusión.

A Pena da Nosa Señora está á beira do Camiño Real, como parece demostrar a inscrición “CR” e amosa tamén moitos tópicos dos camiños moi transitados, sobre todo dos camiños de peregrinación.

A Pena narra a viaxe da Virxe, de San Xosé (aínda que aquí nunca é nomeado) e do seu medio de transporte (a burra): ao seu paso toda a xente pechaba as portas, sen proporcionarlle aloxamento nin comida descoñecedoras da identidade da viaxeira, de xeito que Deus, como castigo, impuña determinadas penas (cidades asolagadas, desgrazas de diversa índole, etc). Moitas veces, como é o caso, a burra deixa o seu berce mediante a ferradura na pedra e incluso adoita quedar a impronta da Virxe que durme. A ferradura e/ou a pegada da Virxe danse constantemente nos camiños de peregrinación.

IMG_2974IMG_2973

Como dicía, a Pena está á beira do Camiño Real que se dirixía a Cambre, sendo o último fito desde onde xa se vislumbraba o mosteiro coa advocación de Santa María que foi un gran destino de peregrinación, como denota a planta da igrexa de Cambre. Estamos pois diante dun dos poucos vestixios que permanecen do camiño medieval que (despois de separarse do Camiño Real a Castela) baixaba dos montes da Pega, cruzaba o rueiro de Amil e chegaba ao Campo da Feira e ao Mosteiro de Santa María.

Todo esto (a Pena e a advocación mariana) débese relacionar coa Hidra de Xerusalén, reliquia que se está a gardar neste templo de peregrinación (a igrexa de Santa María de Cambre posúe xirola ou deambulatorio): considerábase un dos receptáculos ou vasos nos que, por intercesión precisamente da Nosa Señora, Cristo converteu a auga en viño.

En definitiva a Virxe, aínda que non fai nin nunca fixo milagres, contribúe como nai de Deus de maneira decisiva coa sua intercesión (“Santa María roga por nós…”) ou mediación diante da vontade divina.

Como conclusión, debo considerar o valor intrínseco e extrínseco que en todas as épocas tivo e ten para os veciños de Cambre como referente simbólico que debe ser protexido e conservado.

IMG_2975

Nenos xogando na Pena da Nosa Señora. Ano 1956. Ao fondo, o esteiro do río Mero e a Ría do Burgo-Temple. Fotografía propiedade do Arquivo Fotográfico Municipal de Cambre.

Saúde e sorte,

Moncho Boga

En Sigrás, na primavera de 2020

Nota: todos os debuxos son versións do autor. Os da Pena da Nosa Señora foron feitos seguindo os debuxos de Monteagudo.