Papeis para unha breve historia de Cambre

Papeis para unha breve historia de Cambre

CAPÍTULO IV . A Idade Media (entre os séculos V e XV)

Parte II. A Baixa Idade Media (século XII-XIII ata o século XV) Continuación

0.-INTRODUCIÓ

No século XIII o Territorio de Nendos segue a manterse como un espazo ben definido eclesiásticamente. Os territorios políticos, pola contra, sufrirán constantes modificacións: hai unha superposición de territorialidades a medida que os poderes feudais van acaparando poder, en constantes pleitos co sector eclesiástico e coas novas vilas de reguengo (A Coruña e Betanzos). Debo subliñar o feito curioso e increíble do Mosteiro e Couto de Cambre: mantívose con xurisdición eclesiástica ata o século XIX, único caso na que pouco logo será provincia da Coruña. No que hoxe é a parroquia de Cambre non existen pazos (non se asentou a nobleza laica) e no interior da igrexa non existen enterramentos nobiliares, como é o caso doutros mosteiros galegos.

O Arcedianato de Nendos, vaise dividir en catro arciprestados a saber, Abegondo, Xanrozo, Cerveiro e Alvedro. A estrutura é a seguinte: parroquia, arciprestado, arcedianato, arcebispado. O poder dos Arcedianos era fabuloso: xurisdición temporal e espiritual, impostos gravosos, rendas extraordinarias e incluso o poder de excomulgar.

Na miña viaxe, podo contemplar como se siguen a utilizar as antigas vías de comunicación e como se vai tecendo unha inextricable rede de camiños que unen rueiros e parroquias: algúns perviven desde o nacemento das parroquias, outros son herdeiros das vías romanas e só uns poucos son de nova creación. A documentación refírese a eles como “vereda antiqua”.

Lintel de Amil

Vexo parroquias consolidadas cos seus novos templos. A súa nota principal é o pequeno tamaño: todos se coñecen e o traballo une a comunidade; as duras tarefas do agro requiren a cooperación de todos. Identidade e solidariedade son garantía de futuro.

As festas paganas celtas dos solsticios e dos equinoccios convertíronse no Nadal, Ascensión, San Xoán… E a noite, a escuridade segue a ser unha realidade chea de incertidume: noite arrepiante, fogar de demos e bruxas. Pouco a pouco vaise recortando o terreno dos bosques. O noso territorio vaise cubrindo de viñas, e o viño axuda a superar os medos, está presente en todas as mesas; tamén a cervexa celta, feita a partir da avena fermentada.

1.-Os novos equilibrios de poder.

As circunstancias socio-políticas do vello territorio de Nendos van cambiando: o protagonismo vai sendo das ciudades da Coruña e Betanzos, ciudades de reguengo, e dicir, libres das inxerencias dos poderes nobiliares laicos e eclesiásticos (dependen directamente da coroa). Nendos será escenario das loitas entre os poderes feudais e os intereses da frorecente burguesía urbana: a estirpe dos Trava desaparece e o seu lugar vai ser ocupado polos Andrade, Os Mariñas, Andeiro, Freixomil, Bermúdez de Castro… Os territorios do que serán as provincias de A Coruña e Betanzos vanse constituíndo en loita perpetua coas clases privilexiadas.

A nobleza galega participa en todas as contendas hispanas, sendo os mais belicosos, por iso o afán dos Reis Católicos por destruir as súas fortalezas. A “nosa nobleza” estará directamente implicada nas guerras dinásticas (Pedro I O Cruel vs Henrique de Trastamara; Xoana a Beltranexa vs Isabel de Castela); nos levantamentos das vilas e dos campesinos contra o poder feudal (Guerras Irmandiñas)… Ao remate desta época, Galicia vai perder o seu papel preponderante na política das Hespañas e ficará nun ostracismo plítico e económico que vai chegar ata os nosos días.

Eses correudos poderes feudais actuarán con forza en Cambre e en Nendos a través da rede parroquial e dos mosteiros. Non se modifica físicamente esa estrutura, co que se posibilita o encadramento total da nosa sociedade rural no sistema feudal que se manterá formalmente ata a Desamortización do século XIX.

2.-O desenvolvemento: curas, monxes, vilanos e cabaleiros.

Os séculos XIII, XIV e XV amosan un escenario cuberto de liortas e pleitos: enfrontamentos polo poder feudal e xurisdicional dos territorios, polas encomendas; entre os mosteiros e a nobleza laica, entre a nobleza e os arcebispos, contra o lonxano poder dos reis…, e o de todos eles contra un novo poder que emerxe con forza: os burgos e a súa autonomía fronte aos poderes feudais.

Un feito que cambia o equilibrio de poderes no Territorio de Nendos vai ser o nacemento dun novo Burgo, A Coruña, que rápidamente ocupará o lugar do Burgo de Faro e, coa súa decadencia, rematará o noutrora extraordinario poder dos Templarios.

Podo oir o clamor xeral en Cambre contra os “encomendeiros” e contra os arcedianos que obteñen pingües beneficios e non cumplen as condicións do contrato da encomenda, a saber, defender os bens e a seguridade dos encomendados. Os vasalos moradores dos Coutos de Cambre, Cela, Pravio e Meixigo estaban encomendados a Fernán Pérez de Andrade no ano 1394.

Vexo como van xurdindo novas figuras nobiliares que ocupan o territorio, como María Fernández de Moscoso (condesa de Montaos) que cede ao Mosteiro de Cambre o lugar de Barral en Meixigo (1407), ou o arrendamento a Juan Gómez de Sigrás dun muíño á beira da Ponte de Cambre no ano 1434. Os escudeiros, como Vasco de Freixomil, teñen aforadas vastas propiedades en Anceis, Sigrás, Gosende, Agra do Mero, Mercurín…, así como casa, casais de labradío, montes e diversas rendas e posesións do Priorado de Cambre. Debe pagar unha fortuna: 300 maravedís vellos ao ano (1444). Tamén vexo como se están a edificar casas novas: Juan de Ponte (pedreiro), que vive na Acea do Couto de Cambre, afora un terreno para facer unha “casa tellada” con dous aparellos que “sexan dous muíños con dous rodicios” (1466) e, ademais, pola viña, debe abonar un cuarto do viño e dar de comer ao monxe que vaia á vendimia.

No século XV figura como encomendeiro do Mosteiro de Cambre un tal Fernando Bermúdez de Castro (tamén Arcediano de Nendos!!!). Gómez Pérez das Mariñas, poderoso cabaleiro en loita perpétua cos de Andrade, a pesar de ser familia: o Abade de Antealtares outorgoulle en encomenda as rendas do Couto e do Priorado “a condición de defender aos vasalos”. A finais do século XV volve a figurar como encomendeiro Fernando Bermúdez de Castro, pero renuncia a favor de Fr. Diego de Viveiro, monxe, para que teña durante a súa vida o Priorado coa súa renda. Tamén afora un pedazo do “Campo do Adro de Santa María”, que posiblemente sexa o Campo da Feira, un anaco do noso “oenach”. Parece que a subcontrata tamén era costume a finais da Idade Media…

Os Mariñas, emparentados cos Andrade, pero enemigos íntimos, crean a Xurisdición de Miraflores, entre A Coruña e Betanzos en pleno corazón das Terras dos Andrade, das Terras de Nendos. Dominan así o tráfico de mercadurías entre as dúas vilas a través da antiga vía romana e dos novos camiños reais. As dúas ciudades van tomando posicións e ampliando territorios e xurisdición: os límites de Betanzos chegan ata Bribes e Cecebre; os da Coruña ata Sigrás. Os veciños de Cecebre prefiren pertencer á xurisdición da Casa das Mariñas que á Vila de Betanzos.

3.-Ocaso e desaparición da Orde do Temple.

A principios do século XIII, Afonso IX funda un novo “burgo” ao abeiro do Faro de Hércules: Crunia. A creación dunha cidade de reguendo (xurisdición real) libre dos poderes nobles laicos e eclesiásticos é vital para a Coroa e supón un duro golpe para a nobleza e para o arcebispado. A Orde do Temple quedou así confinada ao fondo da ría, pero non permaneceu quieta nin se deixou amilanar: construiron unha nova pobra no Burgo-Temple, como se desprende da orde de Fernando III para que a desfixesen. Dedúcese o poder excepcional da Orde, reacia a perder un porto que reportaba inxentes beneficios. O seu poder segue a ser tan grande que aínda a mediados do século XIII sigue disputando á A Coruña a primacía comercial e de recepción de peregrinos. Esa loita feroz só rematará despois do proceso contra a Orde iniciado en Francia. Á declaración dos Templarios en Medina del Campo (s. XIV) acudiron 33 cabaleiros da Bailía de Faro, a mais numerosa da Orde nos reinos de Castela e León.

A mediados do século XIII aparece como Mestre do Temple D. Martín Núñez, probablemente da estirpe dos Andrade. Relata Manuel Murguía a anécdota de Rodrigo Ares, Bailío do Temple que, tendo que ir á Coruña (1350) a mercar panos e outras cousas para sí e para os seus escudeiros, tivo antes que prometer diante das autoridades municipales que mentres estivese na cidade e no seu couto, non usaría a súa autoridade de adiantado, senón que él e o seu séquito se someterían á xurisdición dos alcaldes coruñeses.

A peregrinación a Compostela segueu en auxe a pesar dos continuos conflitos entre a coroa inglesa e a castelá-leonesa. A mediados do século XIV, coa definitiva desaparición dos Templarios, o porto da Coruña vai ser o lugar de arrivada de peregrinos e mercadurías, pero o traxecto será sendo o mesmo, por Sigrás e Anceis. Nunha época tan tardía como o ano 1456, un peregrino inglés, William Wey, arribou ao porto coruñés: cóntanos que puido oir misa en inglés e que no porto había fondeados 84 barcos, dos cuales 32 eran anglosaxóns. No ano santo de 1434 chegaron desde Inglaterra 2310 peregrinos, e as autoridades ordenan que non se ataque, senon que se protexa ao peregrino.

Tanto os monxes de San Paio de Antealtares, a través do mosteiro de Cambre, como os habitantes, claman contra os arcedianos e contra os encomendeiros, que teñen extraordinarios beneficios, pero que non cumplen coa súa misión, que é defender os seus bens. Os aforamentos seguen rendendo grandes beneficios con agros na Ponte de Cambre ou cerca da Aceña, con pumares. Multiplícanse as referencias a viñas e a vendimias en Cambre, Sigrás, Brexo, Bribes…

4. Juan Fernández de Andeiro.

Autonomeado “Conde de Andeiro”, foi un gran diplomático, partidario da causa de Pedro I o Cruel na loita fratricida co seu irmán Henrique de Trastámara. Xunto a outros nobles, conseguiu que Juan de Gante-príncipe de Gales (casado cunha das fillas de Pedro) asinase en Londres un acordó anglo-portugués (1373), para invadir Castela. No ano 1381 conseguiu que unha flota inglesa atracase en Lisboa con esas intencións. Nese ano morre o Conde de Ourem e a raíña Leonor concede ao de Andeiro o fabuloso condado luso. Os amores cortesanos da raíña co de Andeiro traspasaron fronteiras. Así, o 6 de decembro Andeiro foi asasinado polo mestre de Avis na cámara real, “acerca das miñas faldras”, din que comentu espantada a raíña Leonor.

Outros dous Andeiro aparecen na documentación: un era rexedor da cidade da Coruña e foi salvaxemente asasinado mediante decapitación a mans do belicoso Gómez Pérez das Mariñas, que se quedou con todos os seus bens. Non sei si é o mesmo Juan que aparece na segunda metade do século XV como vasalo da Casa das Mariñas: Juan de Andeiro con 200 homes de vasalos e encomendas e unha ducia de xenetes. No museo de San Antón consérvanse dúas tapas de sartego coas efixies de dous cabaleiros con ese mesmo nome. Tamén na igrexa de Santa María do Campo hai un arcosolio co sartego dun Juan de Andeiro e a súa dona.

Pedrar Armeira

5. Os Mariñas e os Andrade.

A casa das Mariñas uniuse por matrimonio coa casa dos Andrade (si non podes con enemigo, únete a el): casamento de Diego de Andrade con María das Mariñas, de xeito que se xuntan dúas das casas mais poderosas de Galicia. Casaron arredor da década de 1470. A herencia de María das Mariñas consistiu, entre outras moitas propiedades, nas seguintes: As Mariñas dos Condes, en terras de Cambre, con diversos coutos e freguesías, a Bailía de Faro coa súa terra e as encomendas dos mosteiros de Bribes e de Cambre. A súa irmán, Constanza, recibiu unha herencia mais cativa, pero interesa sinalar que herdou a Casa de Andeiro. No séquito de Diego de Andrade, a finais do século XV, figura como cabaleiro que pertencía á súa casa, Juan de Andeiro, que portaba tres escudeiros.

6.-O final da Idade Media.

Xa desde o século XII, vai xurdindo unha figura que parece non encaixar na organización tripartita medieval, o “burgués”, habitante dos “burgos”. Unha figura activa e menesterosa que pronto será indispensable para o clero e a nobleza. Na igrexa de Santa María de Vigo houbo o sartego dun persoeiro laico que ben puido ser un “notario”.

O século XV remata coa Idade Media europea, cuxo punto de inflexión, de ruptura, dando lugar á Época Moderna, márcao a toma de Constantinopla polos turcos, o que significa a caída do Imperio romano de Oriente. Nos reinos das Hespañas, hai varios acontecementos que van significar a desaparición da escena política da noutrora poderosa e influinte nobleza galega: as Guerras Irmandiñas e, sobre todo, o triunfo de Isabel de Castela nas guerras de sucesión con Xoana a Beltranexa. Desta guerra saiu perdendo a sempre belicosa nobleza galega. Ao fin os nobles pléganse aos intereses uniformizadores dos Reis Católicos que traen escribanos que castelanizan as nosas costumes: destrúen os castelos, símbolo do poder feudal, e apartan o idioma galego lonxe dos ámbitos de poder.

A dinámica sociedade galega dos burgos, das vilas, que se quixo introducir nos ventos de modernidade que sobrevoaban Europa, a través do levantamento contra o poder feudal (Guerras Irmandiñas), que en principio derrocarono aos vellos poderes, pronto perderon coa unión por unha vez de toda a nobreza, que fuxira fora das nosas fronteiras para voltar con grandes exércitos e derrocar así o levantamento. Os únicos ventos de modernidade que introduxeron na sociedade galega foron o “trabuco” e o “falconete” é dicir, a introdución da artillería na arte da guerra. Os irmandiños destruiron en Cambre o castelo dos Andeiro e posiblemente as Torres de A Pagueira e as do Drozo en Anceis.

Cambre segue a ser un Couto con xurisdición eclesiástica, sen obriga de aportar impostos e xentes para a guerra, como solicitaba a cidade da Coruña. Estaban exentos desde “época inmemorial”. O mosteiro segue a depender de San Paio de Antealtares ata a súa incorporación definitiva a San Martiño Pinario a finais do século XV. O mosteiro de Bribes, rodeado de muíños, viñas e pumares, así como dunha cerca que delimitaba o seu territorio inmediato (“tapia”), sestea entre acusacións de non seguir as normas axeitadas á vida monacal.

Nas parroquias, pouco a pouco vanse asentando tanto os burgueses da Coruña como a pequena nobleza, que paseniñamente van erixindo novas construcións de carácter residencial e agropecuario, que darán lugar ao que hoxe coñecemeos como “pazos”.

Moncho Boga

En Sigrás, na primavera do coronavirus de 2020, permanecendo na casa.

Saúde e sorte!!!!!