Papeis para unha breve historia de Cambre IV

Papeis para unha breve historia de Cambre IV

CAPÍTULO IV . A Idade Media (entre os séculos V e XV)

Parte I. Alta Idade Media (século V ata o século XI)

0.-INTRODUCIÓN

Tres acontecementos marcarán o devir da Alta Idade Media: a aparición do cristianismo, a caída do Imperio Romano de Occidente e a invasión dos bárbaros. E como os galegos somos tercos, a ruptura na Gallaecia e en Cambre non supuxo formalmente unha alteración sustancial dos costumes e das nosas atávicas tradicións.

1.-Caracteres xenerais.

A liña argumental deste relato segue a ser a mesma: tanto os territorios políticos ou trebas como as vías de comunicación mantéñense no tempo e no territorio.

Os territorios, en vez de “trebas”, denominaránse “arcedianatos” e, unha das poucas pervivencias suevas na nosa bisbarra, é a toponimia, os antropónimos xermánicos latinizados (p. e., “Amil”, villa de Miro).

No século IV o cristianismo foi declarado credo oficial do Imperio (edicto de Constantino). Pouco despois, a invasión dos pobos bárbaros (Suevos en Galicia), tampouco supuxo un cambio significativo. As élites, tanto as galaicorromanas como despois as suevas, aceptaron a nova relixión sen maiores problemas.

Unha figura destaca na Galicia Sueva: Martiño de Dumio, bispo de Braga. No século VI clamaba contra o inveterado costume dos galegos de adorar ás pedras, ás árbores e ás augas…, polo que había que cristianizar eses lugares sagrados paganos. Seguramente este é o punto de partida para a construcción de igrexas e mosteiros nos antigos santurarios celtas.

Deste xeito, os principais asentamentos cristianos ubicaranse á beira das vías de comunicación romanas e nos lugares sagrados paganos: Cambre, Pravio, Cela, Sigrás, O Temple, Bribes… Posiblemente Cambre foi un dos primeiros enclaves en ser cristianizados, precisamente polo seu carácter de principal centro pagano ou “oenach”

2.-A formación das novas entidades de poboación.

Como xa vos contei, os Galaicos foron baixando dos castros e pouco a pouco fóronse asentando nas súas cercanías, ao albur das Villae romanas. Paseniñamente estes asentamentos van aparecendo na documentación: o Territorio de Nendos está documentado por vez primeira no século VI a través dunha listaxe de 13 sés episcopais; e no século IX xa aparecen 31 entidades de poboación documentadas que se van asentado a través de “villas”, de “villare” e de “locus”, así como as igrexas e os camiños. Estes primeiros asentamentos, antecedentes directos da dispersión que caracterizará a Galicia, estarán vencellados a lugares sagrados, á toponimia prerromana e ás vías de comunicación: Cecebre, Cambre, Vigo, Lema, Bribes, Sigrás, etc.
No século X a organización territorial vaise asentando: cada igrexa posúe un territorio estable cun número variable de Villas (cuxo nome case sempre fai referencia a un “possesor”, a saber, Amil: vila de Miro, Alvarón: vila de Alvarius, Pontido: vila de Pontidius, Freande: vila de Fredenandi, Gosende: vila de Goisendus, A Xira: vila de Giredus…). Cada igrexa tiña unha “freguesía” ou comunidade que ía á mesma igrexa, e os templos adoitan ubicarse en lugares centrais e afastados dos novos núcleos de poboación ou “villas”. Nestas datas fúndase o mosteiro de Cambre e ao mellor o de Bribes; temén aparecen referencias documentais aos diminutos mosteiros de Pravio e Cela.

Neste século aparecen documentadas (o que significa que que xa existían desde tempo atrás) moitas das “parroquias” que hoxe conforman Cambre, pero aínda baixo a denominación de “villas”, “igrexas” e mosteiros: Pravio, Cella e Peiragio (917), Cambre (932), Cecebre (942), Odroci (958), Sigrás (932), Brexo (1175), Sancto Laurentio (1141), Bribes (1154)…

Parte I Bribes

Foto: Bribes

3.-Fortalezas e mosteiros.

Recapitulando: ubícanse en “lugares centrais”, á beira das antigas vías romanas, nas zonas fértiles, de tránsito de mercadurías e de ideas…

A nobleza funda mosteiros e fortalezas; os bispados, igrexas: deste xeito tanto uns coma outros consolidan a súa presencia no mundo rural. Serán os principais axentes do proceso de control do campesinado, o que manifesta unha paulatina implantación do sistema feudal.

-Mosteiros.

Cambre. Foi unha “fundación familiar” (nobiliar) para homes e mulleres (dúplice), e non estaba suxeito a unha regra de funcionamento, cunhas costumes mais ben laxas. A sucesión nos cargos de Abade recaía nos descendentes da familia fundadora.

O documento mais antigo sobre o mosteiro de Cambre é do século X: relata que Alvito e as súas irmáns construiron unha igrexa en “territorio de Nendos” no ano 932. O lugar chamábase Calambre e foi dotado con numerosas propiedades entre as que destacan a “villa de Cidriales” (Sigrás) e a “villa de Cela”. Probablemente Alvito era un dos ascendentes da estirpe dos Traba, donos da maior parte do territorio do Golfo Ártabro.

Bribes. Segundo algún historiador, podería existir xa no ano 917, feito que non se pode corroborar. En calquera caso, o patrimonio inicial eran as villas de Cela, ravio e Peiraio.

Cela e Pravio. Hai referencias a diminutos mosteiros nestes dous emprazamentos.

Parte I Cruz Cumial de Sigrás

Foto: Cruz cumial de Sigrás.

-Fortalezas.

Castelo do Temple. Probablemento os Templarios se asentaron neste lugar no século XII (entre 1137 e 1153). Un dos Condes de Traba (Fernando Pérez) foi o promotor dese asentamento e non é descabelado pensar que fose nun Castelo da súa propiedade que xa existía desde algunha centuria atrás: o “Castellum de Faro” da Historia Compostelana.

A Castellana (Cambre). Topónimo situado nun lugar alto e con moita visibilidade: ben puido acubillar unha pequena fortaleza medieval.

A Mota (Cecebre). Ubícase nunha elevación con gran control visual sobre toda a contorna. Pode referirse ao castro cercano ou a unha fortaleza.

A Torre (Andeiro). Da primitiva torre (solar dos Condes de Andeiro) non quedan mais que unhas poucas ruinas que pouco recordan o seu pasado medieval.

A Torre (San Lourenzo). Non existe pegada algunha da posible fortificación medieval.

Torre das Arcas (Cambre). Tampouco existe pegada algunha. O emprazamento é en alto con extraordinario control visual sobre a contorna. Tanto pode facer referencia a unha fortaleza como a unha necrópole megalítica.

Couto de Vigo. Emprazado a media ladeira cun bo control visual sobre o val do río Brexa.

4.-Conclusións.

Como vedes, a manifestación do poder das aristocracias maiores constátase na fundación dos mosteiros e das fortalezas; a das igrexas será cousa exclusiva dos bispados. Tanto uns coma os outros (nobleza e clero) utilizan esa obsesión construtiva como medio de controlar e consolidar a súa presencia e o seu poder sobre o mundo rural.

A consecuencia de todo isto é unha presión absoluta sobre o campesino ao que esixirán unha cada vez máis intensiva produción para extraer dela unha renda. Estamos, pois, diante do nacemento e conformación do feudalismo como modo de produción: uns rezan (o clero), outros guerrean (a nobleza) e outros traballan para todos eles (o campesino).

A gran nobleza galega (Os Traba) e os magnates clericais (San Paio de Antealtares e a Mitra Compostelana) camparán ás súas anchas polo noso territorio.

Parte I Capitel Igrexa Cambre

Foto: Capitel Igrexa de Cambre

Moncho Boga

En Sigrás, na primavera do coronavirus de 2020, permanecendo na casa.


Saúde e sorte!!!!!