Papeis para unha breve historia de Cambre I

Papeis para unha breve historia de Cambre I

CAPÍTULO I

0.-INTRODUCIÓN

Vou enviarvos unha serie de escritos, breves esbozos, sobre a historia de Cambre, para quen se queira entreter un pouquiño nestes días de inquedanza. Son pequenos relatos que nos poden acercar e axudar a entender quenes somos e como chegamos aquí. Facer un relato histórico non é unha tarefa doada, porque sempre tendemos e enxuizar unha época que xa non existe, desde presupostos actuais.

Estes papeis sobre historia van seguir as etapas clásicas nas que se adoita dividir a historia oficialmente, deixando de lado aquelas épocas das que non temos ningún dato.

1.-A prehistoria.

É unha etapa da que non hai fontes escritas e, polo tanto, a partir dos poucos elementos que se conservan, darei unha breve interpretación derivada dos estudos noutras áreas semellantes da xeografía galega. Os datos proceden sobre todo das escavacións arqueolóxicas feitas en numerosos xacementos do territorio galego. A partir da cultura material establécense unha serie de explicacións que se van incrementando con cada novo achado.

As etapas nas que se adoita dividir a prehistoria son as seguintes (debedes considerar que se dividen cun criterio de innovación tecnolóxica, sobre todo):

Idade da Pedra

-Paleolítico (pedra antiga) que se divide en Inferior, Medio e Superior (dende hai 2.000.000 de anos ata o 10.000/5.000 a. de XC.) Cantos rodados, lascas, machadas de man. Pedra tallada.

-Mesolítico (pedra media). Dende os 10.000 anos ata o 6.500 a. de X.C. Puntas Levallois.

-Neolítico (pedra nova). Do 5.000/4.500 ata o 3.000/1.500 a. de X.C. Horizonte tumular. Megalitismo. Dólmenes, pedrafitas, círculos líticos, alineamentos. Pedra pulida, cerámica.

3b707a78-f3eb-427e-a36f-4905c8fa1bb1

Idade dos metais

-Idade do Cobre. Calcolítico. Do 3.000/2.500 ata o 2.000/1.500 a. de X.C. Cistas megalíticas.

-Idade do Bronce. Do 2.000/1.500 ata o 1.200 a. de X.C. Petróglifos.

-Idade do Ferro. Dende o 1.200 a. de X.C. ata o comezo dos tempos históricos. Cultura Castrexa.

2.-O Neolítico

O término municipal de Cambre forma parte do Golfo Ártabro (o “portum magnum artabrorum” documentado polos romanos) que abarca desde Ferrol ata Malpica, aproximadamente.

As pegadas sobre os primeiros habitantes as proporciona a arqueoloxía e o traballo de campo, ferramenta indispensable para a actividade do arqueólogo ou do investigador en xeral.

Estes primeiras pegadas refírense á Idade de Pedra: pertencentes ao Neolítico, temos constancia de dúas mámoas (dólmenes) na parroquia de Santa María de Vigo. Esta é a primeira vez que aparecen indicios dunha cultura material que comeza a transformar a paisaxe da nosa terra. E como utilizan grandes pedras para construir estes monumentos funerarios, a esta época tamén se lle chama Megalitismo (pedras grandes). Murguía fai referencia a unha mámoa no rueiro de Gosende (Andeiro), pero ata hoxe en día non fun quen de atopala. Ou ben desapareceu froito da actividade humana, ou está esperando a que a atope.

O período Neolítico caracterízase porque comezan a cambiar os costumes: de nómadas (cazadores e recolectores) a sedentarios, e dicir, comézase a roturación das terras (agricultura).

Na parroquia de Anceis aparece un humilde marco de termo que estaba a dividir catro parroquias e, desde época moderna, tres concellos. Trátase da Pedrafita do Marco Salgueiras. Este pequeno fito atópase presidindo un campo de mámoas (na parroquia de Tabeaio) xusto no cambio de rasante e aos pés dunha fonda corredoira hoxe en desuso.

Ós dólmenes e os menhires son talvez as manifestacións mais senlleiras deste período da prehistoria. Os dólmenes (do bretón mesa de pedra) en realidade son tumbas colectivas, construídos con grandes chantos verticais e cunha gran pedra cobertora a xeito de tellado ou mesa. Ás veces teñen corredor de entrada, orientado sempre ao sueste. A continuación cubríanse de terra e pedras mais cativas, conferíndolle forma semiesférica. Esta forma fixo que en Galicia se lle chamasen “mámoas”, do latín “mammula”, teta. Os enxovais que aparecen nestes enterramentos adoitan ser moi humildes, a saber, machados puídos, cerámica, idoliños…, e, nas últimas investigacións e escavacións, descubriuse que as caras internas dos esteos que conforman a cámara do dólmen, están profusamente decorados con pinturas de motivos xeométricos e serpentiformes. Algunhas destas pedras teñen gravados cos mismos motivos.

Os menhires (pedrafitas) son pedras fincadas no chan de diversos tamaños e formas, de moi difícil interpretación, posto que casi nunca se atopan no seu contexto orixinal. Só se consideran auténticas as que teñen gravuras e/ou cazoliñas.

No Museo de Cambre estamos a gardar dous machadiños de pedra pulida: un deles procede da parroquia de Sigrás e o outro da de Bribes. Lamentablemente foron atopados en leiras fora de todo contexto arqueolóxico.

3.-Conclusións.

A partir dos datos que proporciona a arqueoloxía, estamos en condicións de saber algo mais sobre a economía e a sociedade destes primeiros poboadores de Cambre.

Pódese deducir que en Cambre, coma noutras partes de Galicia, estes homes do neolítico comezaron a domesticar animais, a practicar a agricultura, a fabricar útiles pulidos acordes coa actividade agrícola e coa gandeiría…

Sería unha sociedade mínimamente especializada no traballo, que dispoñía dun excedente de tempo para adicar ás tarefas funerarias: a construir dólmenes.

Pero tamén dispoñían de tempo para as actividades artísticas coa profusa decoración do interior dos dólmenes. Os serpentiformes e os ondeados representan o rol do ser ctónico, garda dos recintos sagrados e ademais coa propiedade da rexeneración… É moi probable por iso a súa vinculación co culto aos mortos, unha constante preocupación nas comunidades que construíron os megalitos.

4.-Para rematar, un anexo etnográfico.

A enorme riqueza arqueolóxica galega fai que o noso País atesoure un importantísimo legado etnográfico. É así que as lendas de temática “moura” son moi numerosas e están normalmente vencelladas a xacementos arqueolóxicos, sobre todo a mámoas e a castros.

As lendas de “mouros” constitúen todo un universo mitolóxico e simbólico que quedou inexorablemente unido ao imaxinario popular galego. Son os auténticos “elfos” da nosa cultura.

Os “mouros/as” son seres de distinta naturaleza que a dos homes: forman un grupo distinto ao dos humanos e teñen como notas definitorias o paganismo e estar en posesión de cualidades máxicas. Viven nos montes, penechairas e nos vales onde se atopan os restos arqueolóxicos. Deste xeito os nosos antepasados diferenciaban entre espazos artificiais e naturais. Eses restos que o galego recoñece como artificiais, foron contruídos polos “mouros” para vivir neles e gardar os seus tesouros (“casa dos mouros”, “cova dos mouros”, “pedra dos mouros”, “forno dos mouros”, “fuso da moura”, “chan do tesouro”, “mina Parxubeira”…, son os nomes de moitos megalitos e pedrafitas galegos).

As lendas de “mouros” fan referencia non só ao lugar onde vivían, senon tamén a tesouros que están escondidos nestes monumentos, pero que están vixiados e protexidos por estes seres fantásticos mediante enfeitizamentos, serpes monstrosas que os gardan, ou protexidos con veneno. A transgresión por parte dos humanos fai que sexa imposible facerse con esas riquezas. O tesouro non é outra cousa que un símbolo que confire poder, vida e omnisciencia…, por eso os “mouros/as” siguen a vivir nestes monumentos.

Os “mouros” son negros, viven debaixo da terra e son moi limpos; as “mouras” son loiras, moi fermosas, altas e peitéanse con pentes de ouro… Son xente pacífica, extraordinarios construtores, gardan tesouros, cociñan, lavan, fían e tecen, mallan e moen o gran, cantan e son moi festixeiros… As “mouras” son fermosas, ricas…, pero tamén son moi perigosas.

En definitiva, o término “mouro” fai referencia a lugares arqueolóxicos, artificiais, aos que o labrego galego lles tiña moito respeto. Son lugares recoñecidos como artificiais: todos aqueles lugares misteriosos ou non naturais son os míticos lugares que construíron e nos que vivían os mouros.

Nunca ninguén en Galicia se fixo cos extraordinarios tesouros de ouro que gardan os “mouros” nas súas máxicas moradas. Pode ser que a razón do fracaso se deba á valoración negativa que se fai da riqueza acadada sen traballo, pero tamén co tema mítico do “tesouro” que representa a imaxe do sagrado e da inmortalidade.

Pois ben, e para rematar, debo subliñar que no noso Concello aínda se conservan varios topónimos que teñen que ver coa estadía secular destes seres tamén no noso territorio, a saber, Fonte Moura e A Mourama. Dous topónimos da parroquia de Santa María de Vigo.

Saúde e sorte,

Moncho Boga