Unión por Cambre explica nun vídeo a realidade sobre o proxecto da...

Unión por Cambre explica nun vídeo a realidade sobre o proxecto da N-VI

Unión por Cambre (UxC) acaba de publicar nas súas redes sociais un vídeo explicativo sobre o proxecto da N-VI. O candidato de UxC Óscar García Patiño, xunto a membros da candidatura que viven no Temple e comerciantes da zona, explican a realidade deste proxecto.

Como se pode ver no vídeo, o plan especial da N-VI, creará 1.200 m2 de aparcadoiros públicos, 4.000 m2 de zonas verdes, creará postos de traballo e achegará máis público ao comercio e á hostalaría local. Este proxecto, tal e como explica a xerente dun comercio do Temple, non achegará ningún centro comercial ao Temple.

O plan especial da N-VI vai ordenar un espazo que está totalmente abandonado e que se vai destinar a uso terciario. Alí instalaránse empresas como moblerías, concesionarios de coches, hoteis ou pequeno comercio que completará a trama terciaria que se desenvolve ao longo da N-VI entre Perillo e Bergondo. Un desenvolvemento comercial que achegará postos de traballo para os veciños do concello e máis xente ao núcleo de O Graxal para consumir nos seus establecementos comerciais e hosteleiros.

Grazas a este plan, o concello de Cambre recibirá novos ingresos a través do ICIO e do IBI e contará con 600.000 en edificabilidade para impulsar a I Fase de recuperación das Casas Bailly. Ata o momento, ninguén impulsou unha acción concreta para actuar sobre estas construcións que forman parte do patrimonio municipal.

O proceso de modificación urbanística da N-VI iniciouse o 20 de maio de 2017 co envío do documento de inicio á Xunta de Galicia para o informe medioambiental e de urbanismo. O 29 de setembro de 2017 a Xunta emite o informe ambiental que determina que a operación non ten afeccións ambientais de consideración e que a modificación é urbanísticamente factible e legal.

Emítense, ademais, outros informes favorables desde o Instituto do Estudo do Territorio, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo e Dirección Xeral de Pesca, Agricultura e Innovación.

No vídeo tamén se fala do vial 11-17 proxectado entre a rotonda do Clube de Tenis e a AP-9. Un vial que servirá para desconxestionar o tráfico tanto da N-VI como da Costa da Tapia.