Cambre aproba os orzamentos “máis sociais” da súa historia

Cambre aproba os orzamentos “máis sociais” da súa historia

O concello de Cambre aprobou, o pasado xoves 19, o orzamento do 2020. Un documento económico equilibrado en gastos e ingresos por importe de 18.107.929,36 euros, o que representa un incremento de 2,88% en relación ao exercicio anterior e nos que o goberno se ve obrigado a incrementar o gasto de persoal para paliar os negativos efectos que a lei Montoro está a ter sobre as administracións locais.

Por iso é polo que se incremente o persoal eventual en dúas persoas co obxectivo de emendar, na medida do posible, a necesidade perentoria de persoal que hai nestes momentos no concello de Cambre e paliar tamén, a baixada que este ano sufriu o Plan de Obras e Servizos que a Deputación destina aos concellos da provincia. E isto é posible, tal e como se explicou en pleno, porque a lei permite ao goberno cambrés a dispoñer de ata 7 persoas de confianza.

O novo persoal eventual, un a xornada completa e outro a media xornada, encargaranse de buscar e xestionar axudas e subvencións que permitirán incrementar esa partida de investimentos nas que, doutra banda, xa se incorporan as peticións gañadoras do Decidámolo Xuntos, así como outras moitas peticións formuladas polos veciños e veciñas de Cambre no proceso de participación cidadá que, non chegando á fase de votación popular, xa foran incorporadas a partidas dos departamentos de Obras e Servizos. Conseguir terreos para senllas peonís, beirarrúas e localización de depuradoras no rural, serán tamén os obxectivos destas dúas persoas que se incorporan ao persoal eventual.

O pleno aprobou, cos votos a favor do goberno, o orzamento “máis social” da historia do municipio xa que destina a Servizos Sociais un importe de 1.892.479,61 euros. Con este orzamento, o goberno local, quere seguir dando cobertura ás necesidades das veciños e veciñas de Cambre así como levar o servizo de axuda a domicilio a todas as familias que o necesitan por iso é polo que, a partida destinada a este servizo, increméntase un 19,63% en relación ao exercicio anterior. A investimento, o orzamento do próximo exercicio, destina 1.666.624,37 euros e, a pesar de sufrir un descenso considerable pola baixada que a Deputación fixo no POS, tal e como se explicou en pleno, os investimentos seguirán crecendo ao longo do ano xa que a Deputación xa expresou a súa intención de sacar, ao longo do ano, novos plans complementarios.

Desde UxC apostouse por un orzamento para os veciños, un orzamento social e que recolle as necesidades das diferentes parroquias con actuacións en saneamento, mellora de camiños, sinalización de parroquias, melloras en seguridade viaria e proxectos de mellora e rexeneración urbana en O Temple e mellora da praza Europa en Cambre. O orzamento tamén reserva unha partida de 50.000 euros para posibles expropiacións vendo a negativa da Xunta a conseguir os dous terreos que están pendentes para poder executar as beirarrúas da Xira e A Casilla.

O goberno autonómico continúa no seu afán de seguir discriminando a Cambre e poñendo trabas a unha mellora de seguridade viaria que veciños e concello reclaman a berros desde hai anos. Xa que o goberno de Feijóo considera que en Cambre non vai facer expropiacións mentres si as executa en concellos como Ames ou Sada en actuacións similares, o goberno de Cambre reserva unha partida para garantir aos veciños que non será por impedimentos do concello polo que a Xunta non poida executar as ansiadas beirarrúas.

UxC defende os orzamentos “máis sociais da historia de Cambre” e bota en falta que algúns partidos da oposición, no canto de achegar ideas – só o BNG e Cidadáns fixeron achegas ao documento económico- dedíquense a terxiversar a realidade ao centrar o seu debate nos soldos dun goberno que non cobra, nin máis nin menos, que o que cobrou o PP durante o seu goberno coa condición que, os concelleiros deste goberno están con dedicación exclusiva mentres os edís do goberno do Partido Popular estaban en media dedicación.

Desde o partido que lidera Óscar García Patiño están convencidos que o tempo lles dará a razón amosando ante os veciños e veciñas, aos que se deben, que o 2020 será un ano de investimento e onde as políticas sociais chegarán a todos aqueles veciños e veciñas que o necesiten.