Cambre repartirá máis de 2.000 euros no Entroido Pequeno

Cambre repartirá máis de 2.000 euros no Entroido Pequeno

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicou as bases do concurso de disfraces, comparsas e carrozas do Entroido Pequeno de Cambre, que este ano repartirá 2.100 euros en premios.
Este evento reúne cada ano a miles de persoas chegadas de toda a comarca e o obxectivo do goberno local con este concurso é fomentar a participación veciñal nunha festa popular e tradicional como é o
Entroido Pequeno.
Como se detalla nas bases, hai tres modalidades para participar: disfraces, comparsas e carrozas. Na de disfraces a inscrición realízase inmediatamente antes do desfile e hai dúas categorías, infantil (menos de 12 anos) e xeral (a partir dos 12 anos). Para as comparsas e as carrozas habilitarase un prazo para anotarse dende o 17 ata o 27 de febreiro.
En canto aos premios, na modalidade de disfraces recibirá 150 euros o mellor disfrace infantil e outros 150 euros o mellor da categoría xeral. Para as comparsas habilítanse dous premios: un primeiro premio de 300 euros e un segundo de 200 euros. No caso das carrozas hai catro galardóns: un primeiro premio de 500 euros, un segundo de 400 euros, un terceiro de 250 euros e un cuarto de 150 euros.
O xurado, que estará composto por tres persoas convidadas e de recoñecido prestixio, valorará aspectos como a orixinalidade, estética, creatividade, posta en escena, o uso do galego ou a conservación do entroido tradicional.