O patrimonio cultural, histórico e forestal é a riqueza que diferencia a...

O patrimonio cultural, histórico e forestal é a riqueza que diferencia a Cambre

Unión por Cambre (UxC) entende que o patrimonio é fonte de riqueza cultural e económica por iso, de cara a vindeira lexislatura, vanse a poñer en marcha novos programas para xerar emprego e riqueza partindo do patrimonio cultural, histórico e forestal de Cambre.

Con políticas responsables e sostibles, o partido que lidera Óscar García Patiño vai poñer en valor o patrimonio cambrés e para iso, primeiro elaborarase  o Plan de Recuperación Histórico-Artístico e Cultural para a recuperación de fontes, muíños e camiños tradicionais do concello que ofrecen un enorme potencial tanto a nivel turístico como económico.

Outra das actuacións centrarase en dar un novo paso para conseguir que o  Castro sexa público para desfrute de toda a veciñanza. Un Castro que, ademáis de seguir albergando a Galaicoi, quere avanzar cara a súa primeira excavación arqueolóxica.

Seguir traballando co Arcebispado para que as Casas Rectorais sexan de uso público, darlle vida a edificacións históricas como a Casa Arrigada –donde se vai abrir a Casa da Xuventude de Cambre- e as Casas Bailly e posicionar a Cambre como referente do Camiño Inglés, son outros dos obxectivos que Unión por Cambre ten marcados para a vindeira lexislatura na que, por certo, se impulsarán novos roteiros polos espazos naturais do concello.

A posta en marcha dunha aplicación móvil de turismo e darlle un novo impulso ao Xacemento Romano e á oficina de turismo son outras das accións que o partido de García Patiño ten previsto levar a cabo se renovan a confianza da veciñanza.

As actuacións en materia de patrimonio completanse co impulso do programa “Cambre, natureza e historia” para dar a coñecer a riqueza cultural, histórica e natural de Cambre en diferentes feiras de turismo.