Cambre segue esperando resposta da Xunta sobre as senda da Xira

Cambre segue esperando resposta da Xunta sobre as senda da Xira

Dende que no pleno de marzo de 2017 se aprobase solicitar á Xunta a execución da obra do “Itinerario peonil e ciclista na AC-214 en Sigrás”, o concello de Cambre segue a esperar unha resposta oficial do ente autonómico sobre esta obra.

Foi o 25 de abril de 2017 cando o concello de Cambre entregou as actas de conformidade de cesión dos terreos necesarios á Xunta de Galicia.

Dende ese día, e despois de varios escritos reiterando esa solicitude – o último o 1 de abril deste ano- a resposta oficial da Xunta ao concello de Cambre segue sen producirse.

A única resposta que deu a Xunta, a través dos medios, foi en abril deste ano cando dixo que faltaban os terreos para poder executar á obra. Unha explicación que rexeitaba o alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, que aseguraba que o concello cedeu á Xunta o 90% do terreo de forma gratuíta, quedando pendentes dúas parcelas que non quixeron facer a cesión. Neses dous casos, apunta o primeiro edil, é á Xunta a quen lle corresponde expropiar para poder executar a obra.

“A Xunta que nin sequera amosou nin a nós nin aos veciños o proxecto que di que modificou, escúdase agora en dúas parcelas que non cederon voluntariamente os veciños”, sostén o alcalde de Cambre que lamenta que o ente autonómico sí se dera tanta presa para expropiar os terreos da Vía Ártabra – máis de 200 parcelas e máis de 80 propietarios- mentres que para expropiar a dous propietarios para as beirarrúas levan máis de dous anos.

O alcalde de Cambre sinala que “é lamentable que a Xunta minta a veciñanza. Contratou un proxecto en 2014 que vendeu a bombo e platillo. Entón o anterior alcalde era da mesma cor, do Partido Popular. É moi triste que os intereses dun partido político se antepoñan á seguridade dos peóns que cruzan a diario a AC214 xogándose a vida”, conclúe o primeiro edil de Cambre que segue esperando unha resposta por escrito do goberno de Feijóo en relación a senda peonil da Xira que xa acumula máis de 4 anos de demora.