Cambre segue a esperar polos proxectos das sendas de Cecebre

Cambre segue a esperar polos proxectos das sendas de Cecebre

Cambre solicitou en varias ocasións á Xunta de Galicia os proxectos das sendas peonís para dous tramos da parroquia de Cecebre.

Un dos proxectos é para a construción dunha senda peonil entre Os Castros do Bosque e a antiga unitaria de Cecebre, que pasa pola zona da Fraga de Cecebre. O alcalde, Óscar García Patiño (UxC) explicou que está a espera de recibir este proxecto para empezar a traballar para conseguir os terreos necesarios para a senda. “Mentras non teñamos o proxecto da Xunta non podemos empezar a traballar, porque non sabemos se van precisar 4 ou 6 metros. Así non avanzamos”.

O segundo proxecto é para a senda peonil que vai cara a entrada ao polígono industrial do Espíritu Santo dende a saída da AP-9. Alí tamén, o concello espera o proxecto para empezar a falar cos veciños e veciñas para acadar os terreos que sexan precisos para abordar a obra.