UxC aposta pola creación dun servizo de aluguer de bicicletas no paseo...

UxC aposta pola creación dun servizo de aluguer de bicicletas no paseo do Mero

Dende o partido que lidera Óscar García Patiño apostan por ter un Cambre conectado e ben comunicado, con medios de transporte alternativos e sostibles.

Por iso, crearase un servizo de aluguer de bicicletas para conectar, a través do paseo fluvial, as parroquias do concello así como facilitar a conexión con outros concellos limítrofes. Así, ademáis, de achegar a máis xente ata o paseo do Mero, UxC pretende fomentar un transporte ecolóxico e a práctica deportiva en plena natureza tanto entre a veciñanza coma entre os visitantes que se acheguen ata Cambre.

Nese mesmo senso, o partido de García Patiño vai recuperar tamén os roteiros fluviais que vertebran todo o concello ofrecendo, deste xeito, camiños seguros en plena natureza que permitirán á veciñanza ir andando dunha parroquia a outra. Conexión con parroquias que tamén se vai conseguir grazas ás sendas seguras que se van recuperar a través dos camiños tradicionais.

Sendas peonís que tamén van a empezar a construir en todas as parroquias. Para iso, segundo explica o candidato en todos os encontros que está a manter cos veciños e veciñas das parroquias de Cambre, vaise crear unha concellería para traballar exclusivamente coas asociacións de veciños. Un dos obxectivos desa concellería será conseguir os terreos necesarios para conectar a través de sendas peonís todo o concello. Deste xeito, ademais de garantir a seguridade viaria dos peóns, poderase fomentar o deporte entre a veciñanza que terá máis espazos seguros para poder camiñar.

Estas catro accións conectan Cambre e os cambreses dun xeito sostible e respetando ao máximo o noso patrimonio natural pero o concello tamén precisa outro tipo de conexións a nivel de tráfico rodado. Neste senso, UxC segue a apostar pola creación da ronda a Cambre para solventar o exceso de tráfico que soporta o centro da vila. Unha ronda que conectaría en Cela co enlace da Vía Ártabra e na Marisqueira co Vial 11-17.  Un vial, este último, que chegará para desconxestionar a Costa da Tapia, xa que vai dende a rotonda do Club de Tenis coa AP-9 (donde estaba a antiga peaxe) e terá unha saída hacia a Marisqueira (xunto á urbanización da Barcala).

Falan desa conexión en Cela coa Vía Ártabra, porque UxC segue defendendo que esa vía debe ir polo trazado que se aprobou por unanimidade no pleno municipal de Cambre en 2006. Un trazado no que a Vía Ártabra enlazaba en Catro Camiños coa AP-9 e coa A-6 na Costa da Lapa, entre Brexo e Santa María de Vigo, que garante un servizo para toda a área metropolitana.