Cambre ultima o convenio para o mantemento da contorna do Mero

Cambre ultima o convenio para o mantemento da contorna do Mero

O Concello de Cambre contará, desde principios de ano, cun convenio de colaboración con Augas de Galicia para o mantemento e a conservación da contorna do río Mero. Así o confirmou o alcalde, Óscar García Patiño, que se reuniu esta mañá coa directora xeral do organismo, Teresa Gutiérrez, para abordar algúns detalles do acordo. García Patiño destacou a “boa sintonía” tanto por parte da directora como do equipo técnico do organismo.
Tal e como se acordou no encontro, o Concello recibirá a próxima semana este convenio. O próximo paso será levalo ao pleno para a súa aprobación, de maneira que poida estar asinado e en vixencia desde principios do ano 2020. O acordo de colaboración terá unha vixencia de catro anos, prorrogable durante outros catro.
A través do convenio, Augas de Galicia achegará 40.000 euros anuais –un total de 160.000 euros en todo o período- cos que o Concello poderá xestionar o mantemento das motas laterais do río Mero, asumindo traballos de roza selectiva de ambas as marxes, retirada de especies arbóreas en mal estado, reperfilado de cunetas e noiros, reparación do firme das motas, etc.
Así mesmo, crearase unha comisión que se reunirá a principios de cada ano de vixencia do convenio 2020/2023 co obxectivo de discernir que necesidades existen en cada anualidade. García Patiño incidiu na “importancia” deste acordo, que lle permitirá ao Concello “resolver, dunha vez por todas, as présas para executar os traballos de mantemento do río, que adoitan atrasarse pola demora na firma destes convenios”.