Festas do Nadal Cambre 2019

Festas do Nadal Cambre 2019

O Concello de Cambre ofrecerá, durante as festas de Nadal, un completo programa de actividades con propostas para veciños e veciñas de todas as idades. Tal e como sinala a concelleira de Cultura, Mónica Varela, á hora de elaborar a oferta cultural, o obxectivo foi "contar con accións para todos os gustos e para cambreses e cambresas de todos os rangos de idade. Hai opcións para os máis cativos e cativas e tamén para os adultos". Baixo esta premisa, a programación deste ano inclúe un Belén Vivinte, visitas do Apalpador, música, cine, exposicións e, por suposto, a Cabalgata de Reis -con dous percorridos, un por A Barcala-Cambre e outro polo Temple-. Unha das actividades que suporá o pistoletazo de saída do Nadal será o Belén Vivente, que se celebrará este domingo, 15 de decembro, entre as 10.00 e as 20.00 horas. A xornada terá lugar na reitoral de Bribes, e incluirá carpa, baile a cargo do Dúo Fama e do Grupo de Gaitas A Esmorga e gran lacoada para os asistentes.
Na oferta de Nadal desta edición, o Apalpador terá un gran protagonismo, e visitará aos nenos e ás nenas polas parroquias. As citas co Apalpador comezarán mañá, sábado 14 de decembro, e prolongaranse ata o 2 de
xaneiro. Segundo a lenda, esta figura adoitaba visitar aos nenos e nenas nas noites previas ao 31 de decembro. Como agasallo, deixáballes castañas aos cativos e cativas e xoguetes de madeira.
A música terá unha gran presenza no calendario de Nadal do Concello de Cambre. A primeira proposta musical chegará o venres, 20 de decembro ás 20.30 horas, cando a Escola de Música acollerá un concerto de
panxoliñas a cargo da Banda de Música Sementeira de Cambre. Ao día seguinte, o 21 de decembro ás 19.00 horas, a Igrexa de Siarás converterase no escenario sobre o que actuarán os seguintes corais: Santa María de Cambre, A.C. La Coral de Cecebre, A.C. Aires Novos de Pravio y A.C. Coro Parroquial de Sigrás. O 4 de xaneiro ás 20.30 horas terá lugar Cantares de Reis e Panxoliñas, que se celebrará na Casa da Cultura Vila Concepción. O Coro Arume da Fraga da Fundación Wenceslao Fernández Flórez e o Coro de familia de Cambre tomarán parte nesta xornada.

Vila Concepción converterase no escenario de diversas actividades culturais para os veciños e veciñas. O venres, 20 de decembro ás 11.00 horas, haberá o faladoiro Proxecto parroquias do departamento de
Benestar Social. Ese mesmo día, ás 17.30 horas, terá lugar o contacontos Unas Navidades diferentes, a cargo de Alicia Miranda. Ao día seguinte, o sábado 21 de decembro ás 18.00 horas, haberá un recital de poesía.
Durante o acto, leranse poemas autoeditados de Lucía Cercanadas, Arancha Nogueira, Pablo Rodríguez e Afra Torrado. A Casa da Cultura acollerá, ademais, unha Exposición de encaixe de bolillos da Asociación Cultural Santa María do Temple. A mostra estará dispoñible entre o días 16 e 23 de decembro.
A oferta de Nadal contará, así mesmo, con propostas de cine. Qué bello es vivir (Vila Concepción, 23 de decembro ás 18.00 horas), El bazar de las sorpresas (Centro da Terceira idade de Cambre, 26 de decembro ás 18.00 horas) e La mujer del obispo (Centro Sociocultural da Barcala, 27 de decembro ás 18.00 horas) serán os tres filmes que se proxectarán durante as festas.
A programación inclúe, como non podía ser doutro xeito, o percorrido en coche dos Reis Magos polo municipio de Cambre, que terá lugar o 5 de xaneiro a partir das 11.00 horas. As Súas Maxestades de Oriente tomarán parte, así mesmo, na Cabalgata de Reis, que este ano conta con dous percorridos -O Temple e A Barcala-Cambre-. Por un lado, os Reis Magos partirán desde o CEIP Portofaro ás 17.00 horas para continuar o seu percorrido. As Súas Maxestades darán audiencia a todas as persoas, a partir das 18.30 horas, no polideportivo O Graxal. Os Reis farán tamén unha cabalgata pola Barcala-Cambre. Neste caso, o séquito dos Reis Magos percorrerá as rúas Río Gándara, Río Brexa e Río Mero ás 18.30 horas aproximadamente. Ás 19.00 horas comezará a recepción real no Polideportivo Sofía Toro.