Aprobado o POS 2019 con case un millón de euros de investimento

Aprobado o POS 2019 con case un millón de euros de investimento

Cos votos a favor do goberno local e Ciudadanos, e a abstención do PP, ACdC e o concelleiro non adscrito, o pleno aprobou o POS 2019 cun investimento de 963.200,68 euros. Con este programa provincial, o goberno de García Patiño quere mellorar a ordenación e regulación do tráfico e do estacionamento, seguir mellorando os espazos de ocio para os máis cativos así como continuar coa mellora da pavimentación de camiños e rúas municipais e, sempre, intentando abarcar o maior número de parroquias posibles.

Unha das actuacións que se levarán a cabo é a 3ª fase da mellora do espazo público e rexeneración urbana no Temple que se centrará na renovación da beirarrúa de Curros Enríquez, na contorna do colexio O Graxal II. Nesta zona tamén se procederá a rehabilitar o firme das rúas e reordenar a zona de aparcamento así como a renovación da iluminación público, o mobiliario urbán e as plantacións existentes.

Actuación similar levarase a cabo na zona das rúas Celso Emilio Ferreiro, Párroco Manuel Cobas e Francisco Rodríguez, con actuacións tanto nas rúas como nas beirarrúas así como na iluminación e no mobiliario urbán.

Outras das actuacións que se acometerán serán as melloras dos parques infantís de Andeiro e Anceis. En Andeiro levarase a cabo a restauración dos xogos e mobiliario así como a instalación dun novo tobogán e o cambio do solo que pasará a ser de caucho. No parque infantil de Anceis, os traballos serán similiares. En ambos parques vaise instalar unha fonte cos dous grifos, adaptada para persoas con diversidade funcional.

O plan tamén contempla melloras de camiños. Concretamente á pavimentación do paseo da Barcala e do camiño do Pombo, actuarase nos camiños de Brexo e Mercurín, no paseo marítimo do Temple, nas rúas Miguel González Garcés e no camiño das Gamelas así como nos camiños de San Roque, Fonte Cuntín e Cobazás, nos camiños de San Lourenzo ao Pinar e a Torre e Barreiros. Tamén se mellorará o camino a Penaouviña.