Cambre aproba o orzamento de 2019 que ascende a 17,6 millóns de...

Cambre aproba o orzamento de 2019 que ascende a 17,6 millóns de euros

O goberno municipal aprobou, o pasado 31 de decembro, o orzamento municipal para 2019 co voto en contra do PP e a abstención de Asamblea Cidadá de Cambre, Ciudadanos e o edil non adscrito. O orzamento, que ascende a 17,6 millóns de euros medra un 2,65% en relación ao do ano 2018.

O alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, agradeceu aos grupos políticos as súas propostas e sinalou que seguirá mellorando a campaña de orzamentos participativos Decidámolo Xuntos, para que chegue a todos os veciños e veciñas de Cambre. García Patiño lembrou ao PP que foi o único grupo que non fixo ningunha achega ao documento económico.

O orzamento de 2019 destina a investimentos un total de 2.059,899,19 euros, o que supón o 11,70% do total, e contempla a continuación da obra plurianual da construción do Auditorio  e Biblioteca Municipal, ou tal e como se lle coñece xa como Casa da Cultura.

Como obras prioritarias, con aplicación do remanente do 2018, recollénse as gradas do campo de fútbol de Os Pinares de Brexo-Lema e o centro social de Cela.

Ao capítulo de persoal, o orzamentos destina 6.041.044,78 euros, o que supón o 34,32% do orzamentos de gastos, baixando así o seu peso en relación a un orzamento a costa do incremento que se rexistra en servizos e investimentos. O orzamento municipal non contempla ningún aumento retributivo individualizado, deixando unha partida residua para poder asumir a posible suba do 2,75% que recolla a futura lei de orzamentos xerais para 2019.

O capítulo de Servizos medra un 10,90% en relación a 2018 chegando aos 8.031.323,76 euros o que supón o 45,62% do total. Increméntase considerablemente a partida de servizos sociais nun 20% ata chegar a 1.800.000 euros para intentar dar resposta as demandas de axuda no fogar. Incremento tamén para os cursos municipais para o emprego.

A partida de cultura e deportes medra tamén para levar a cabo novas actividades  así como a de Policía para poder impartir cursos de seguridade viaria e dar cobertura ao servizo de grúa.

En canto á débeda destínase unha cantidade de 23.958,59 €, destinada ó pago de intereses derivados das operacións de crédito concertadas polo Concello. Así mesmo dótanse os créditos para afrontar outros gastos financeiros liquidados polas Entidades financeiras como consecuencia de comisións. Este capítulo redúcese nun 44,71% debido principalmente a tendencia descendente dos tipos de xuro. Consígnase outra cantidade de 179.851,73 €, o que implica un 1,02 % do orzamento co fin de dar cobertura á carga financeira das amortizacións de capital dos préstamos vixentes no exercicio 2019 así como a amortización anticipada do PAI da Excma. Deputación da Coruña.

En canto ás subvencións consígnase neste capítulo unha cantidade de 1.240.468,98 €, que supón un 7,05 % do importe do orzamento co fin de facer fronte ás subvencións por becas de estudio, axudas por emerxencias sociais, festas parroquiais e patronais, asociacións deportivas e culturais, entidades supramunicipais así como a outras entidades. Destaca neste capítulo o aumento da partida para a Escola de Música e a inclusión da partida para asociación Adra cunha labor no ámbito do banco de alimentos e de interese público.

É salientable a conversión das subvencións a asociacións de empresarios que en exercicios anteriores tiñan carácter de nominativas pasan a tramitarse pola modalidade de libre concurrencia en consonancia cos obxectivos do plan estratéxico de subvencións.

En canto aos ingresos estímanse en 6.317.175,51 €, o que representa un 35,89% sobre o orzamento total.  Os impostos indirectos estimáronse en 250.000,00 €, o que representa 1,42 %. Tamén consignáronse 2.895.700,00 € en concepto de taxas e prezos públicos, este capítulo supón un 16,45% do total das previsións de ingresos. As estimacións efectuáronse partindo do orzamento en vigor tomando certos repuntes en alguns ingresos tales como a taxa urbanística, vinculada ás inspeccións anteriormente citadas e algunhas estimadas á baixa para intentar aproximarse o máximo á realidade sen perder a referencia aos correspondentes padróns, no seu caso.

En canto ás transferencias correntes a percibir prevense en 7.520.050,91 € que constituen o 42,72 % das previsións para 2019, cantidade na que se inclúen as previsións de ingresos procedentes da Participación nos Tributos do Estado (por criterios de prudencia o estimado para o 2018), Fondo de Cooperación Local así como outras subvencións adicadas a actividades sociais, culturais e deportivas que reiteradamente se veñen percibindo polo Concello.