Os orzamentos de 2022 recuperan a Galaicoi e o Rock in Cambre
Os orzamentos de 2022 recuperan partidas históricas para retomar os grandes eventos de Cambre. O Concello elevará ao pleno mañá, 23 de decembro, os orzamentos de 2022. Tal e como reflicten os informes técnicos, trátase dun documento equilibrado en gastos e ingresos, sendo o seu importe 19.738.906,37 euros, o que representa un aumento do 6,67% con respecto ao exercicio anterior.
A concelleira de Economía, Facenda e Recursos Humanos, María Pan Lesta, indica que son “ uns orzamentos prudentes e cautos pero cun forte carácter social e investidor. Por unha banda, apostamos por recobrar a vida e vos grandes eventos que tingamos antes dá covid-19 e, polo outro, priorizamos a obra pública para xerar emprego e para seguir mellorando Cambre”.
Proba destes dous compromisos, é o incremento que experimentan o capítulo de gastos correntes en bens e servizos (un 12,38% en comparación con 2021) e o de investimentos reais (un 14,86% máis). O montante dedicado a gastos correntes en bens e servizos ascende ata os 8.592.992,84 euros.
Tras dous anos de parón pola emerxencia sanitaria da covid-19, o Concello espera retomar as actividades municipais no 2022. Así, o documento recupera partidas históricas para celebrar, de novo, eventos como a Galaicoi, o Rock in Cambre, así como o resto de propostas xuvenís, educativas, deportivas, etc. O Concello mantén, iso si, a eliminación dos gastos protocolarios para destinalos a outras partidas orzamentarias máis importantes.
Capítulo de investimentos, o máis alto da década
No caso dos investimentos, o montante crece ata os 2.466.771,22 euros, presentándose como o máis elevado da última década –a pesar da baixada de ingresos no Plan Único da Deputación da Coruña-. Neste apartado recóllense obras moi demandadas pola cidadanía, como as nove propostas finalistas do Decidámolo Xuntos. A contía inclúe, así mesmo, o proxecto de mellora da eficiencia enerxética en Cambre, O Temple, A Barcala e no polígono industrial de Espírito Santo de 1,5 millóns de euros –e que conta cunha subvención do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía-. Esta última actuación traerá consigo importantes beneficios para o Concello. Así, o aforro enerxético que se alcanzará con estas obras permitirá destinar a contía a outras partidas, tales como os investimentos.
No apartado de investimentos inclúense as seguintes iniciativas:
Sinalización de parroquias: 30.000 euros
Arranxo integral do Museo: 25.000 euros
Mellora da eficiencia enerxética da iluminación: 1.449.171,22 euros.
Mellora da pavimentación do paseo marítimo: 100.000 euros.
Creación dunha zona recreativa no río Mero: 30.000 euros.
Colocación de fontes de auga no paseo fluvial e no paseo marítimo: 30.000 euros.
Arranxo e iluminación da pista polideportiva de O Temple: 60.000 euros.
Mellora do anfiteatro de Cambre: 16.000 euros.
Creación de aparcamentos de bicicletas: 30.000 euros.
Creación dunha área canina en O Temple: 22.000 euros.
Arranxo e mellora da accesibilidade na Balastreira: 30.000 euros.
Habilitación de puntos de mantemento de bicicletas: 12.000 euros.
Mellora da iluminación no campo de fútbol de Lendoiro: 40.000 euros.
A maiores, o Concello incorporará no capítulo outros investimentos xenéricos destinados a equipamentos de Protección Civil, elementos de transporte e vías públicas, obras de pavimentación, mobiliario urbano, etc.
En todo caso, tal e como apunta a responsable da área de Economía, Facenda e Recursos Humanos, “non descartamos incrementar este capítulo a través do remanente de tesourería, como fixemos neste 2021, sendo as liñas principais a atención de gastos de emerxencia sanitaria e social e dependencia, saneamentos e abastecementos”.
Por último, o capítulo de persoal reflicte unha subida do 2% (7.061.705,86 euros). O documento económico recolle este incremento para cumprir co aumento salarial que aparece no borrador dos Orzamentos Xerais do Estado e para levar a cabo algún proxecto ao longo do ano. Por exemplo, co fin de seguir incidindo no control e a xestión tributaria, prevese a contratación dun técnico na área de Intervención.