Unión por Cambre aposta por un rural próspero e conectado
O investimento de máis de 1,2 millóns de euros na mellora de camiños nas diferentes parroquias, dos centros sociais, da seguridade viaria, de servizos e a construción de novos equipamentos é, sen dúbida, unha mostra do compromiso que o partido que lidera Óscar García Patiño ten coas parroquias do rural.
Nesa liña, vaise a continuar traballando para seguir mellorando camiños e creando máis quilómetros de sendas peonís e beirarrúas. Continuarase investindo nos centros sociais para uso dos veciños e veciñas así como seguirase traballando para optimizar o acceso ao transporte público.
UxC seguirá traballando xunto coa veciñanza para seguir reclamando á Xunta e á Deputación as beirarrúas en Cecebre e entre A Rocha e o Outlet, as rotondas do cruzamento do estanco en Cambre e a rotonda provisional no Temple, así como pasos de peóns na AC-214 e reforzar a seguridade viaria na contorna do colexio de Brexo-Lema.
Tamén se seguirá monitorizando o despregamento da fibra no rural para esixir ás administracións competentes que se cumpran cos proxectos subvencionados que, en Cambre, están a sufrir unha demora inxustificada.
UxC non esquece o investimento de dous millóns de euros comprometido para a mellora do ciclo da auga. Nesta lexislatura atrasouse por circunstancias sobrevidas, pero continuarase traballando para facelo realidade na vindeira lexislatura.