O goberno de García Patiño impulsa a transformación da capital municipal
Esta foi a lexislatura na que a capital municipal empezou a transformarse despois de décadas de paralización. O goberno de García Patiño fixo posible a apertura da rúa Balado, executando os derribos de edificacións que levaban anos nun caixón. Esta actuación permitiu recuperar un espazo para os veciños que, en breve, podrán desfrutar da praza que alí se constrúe.
Unha lexislatura, a que agora remata, na que se está a facer realidade o principal compromiso de UxC na pasada campaña electoral, a construción da Casa da Cultura de Cambre. Un edificio, que está a piques de rematar, no que se ubicará un auditorio para 300 persoas e a Biblioteca Central Municipal, liberando a primeira planta do centro de saúde de Cambre. Precisamente, ao último pleno desta lexislatura, UxC leva a proposta de darlle o nome de Xosé Manuel Seivane ao auditorio da Casa da Cultura.
Con esta reordenación do espazo cultural da capital municipal, será o momento de pedir melloras para o centro de saúde ao tempo que o concello aforrará os 80.000 euros anuais que paga á Xunta polo uso do espazo actual da biblioteca.
Unha transformación da capital municipal que tamén se plasmou coa apertura da Horta do Cura para desfrute dos veciños, tras executar un convenio que levaba anos paralizado, e a recuperación do espazo da finca dos Molina onde se ubicaba unha edificación en ruína.
A posta en valor do castro, coa creación da Galaicoi, unha feira de referencia en Galicia; melloras en seguridade viaria, acondicionamento de aparcamentos, instalación de camiños seguros para os escolares ou a feira científica I Open Science que puxo a Cambre no eido internacional, foron outras das actuacións levadas a cabo polo goberno presidido polo alcalde Óscar García Patiño (UxC) ao longo desta lexislatura.
As actuacións en Cambre continuarán nos próximos meses coa mellora da praza Europa e a ordeación e mellora do campo da feira, proxectos que xa están licitados. Ademais completarase a actuación da recuperación da Casa Arrigada, coa dotación do mobiliario necesario, para abrir alí a Casa da Xuventude de Cambre.
Nesta lexislatura que remata, o goberno de García Patiño abordou tamén o problema de aparcamento que había na vila coa creación do aparcamento ubicado xunto á Casa da Cultura e a instalación da zona azul nas proximidades da Casa Consistorial.