UxC porá en marcha un servizo de gardería durante os grandes eventos...

UxC porá en marcha un servizo de gardería durante os grandes eventos que se celebren no concello

Un servizo de gardería durante os grandes eventos que se celebren en Cambre como pode ser o Rock in Cambre e estender os programa de conciliación aos meses de xuño e setembro son dúas das iniciativas polas que Unión por Cambre aposta en materia de conciliación familiar.

Impulsar a educación, a conciliación e o benestar familiar garantindo contornas seguras con recursos axeitados é a meta de UxC en materia de familia. Apostar por proxectos educativos innovadores prestando a máxima colaboración coa Unitaria de Pravio como se vén facendo ata o de agora, garantir parques infantís de calidade e promover novos programas que promovan a conciliación laboral e familiar, son tres dos eixes nos que vai centrar o partido de García Patiño a súa política pensada para as familias.

Ademais do servizo de gardería e a ampliación dos programas de conciliación no tempo, o partido liderado por García Patiño vai seguir apostando pola Unitaria de Pravio, que desenvolve un proxecto educativo único no concello, un proxecto personalizado e en estreito contacto coa natureza. Naturalizar os espazos escolares levando novas actividades aos centros escolares, recuperar o Brinquedo Tradicional e continuar co programa de renovación dos parques infantís serán outros dos obxectivos.