Cambre gaña en seguridade viaria con actuacións en varias parroquias
Mellorar a seguridade viaria e darlle máis protagonismo ao peón foron unha das máximas que presidiron a última lexislatura presidida polo goberno de Óscar García Patiño, con actuacións viarias e tamén campañas de prevención en materia de seguridade.
Incrementáronse metros de beirarrúas en colaboración coas administración competentes, con actuacións como as da estrada Cambre – O Temple ou as de Pravio; conseguíronse as sendas peonís da Xira e A Casilla despois de anos ao lado dos veciños e veciñas reclamando a actuación á Xunta; acadáronse as rotondas da Rocha, Catro Camiños e Fraíz; colocouse un semáforo para peóns na Barcala e instaláronse radares disuasorios en Bribes e no entorno do IES David Buján en Sigrás.
Melloras de accesibilidade na contorna da escola música, na rúa Polígono e na zona do paseo marítimo do Temple; beirarrúas en Anceis, Meixigo e Cela ou as melloras de accesibilidade en Lendoiro e no campo da feira foron algunhas das actuacións levadas a cabo nestes catro anos que supuxeron un investimento duns 800.000 euros.
Con estas actuacións incrementouse a seguridade dos peóns marcando unha liña a seguir coa construción de máis metros de sendas e beirarrúas en diferentes puntos do concello para os que xa se está a traballar para facer efectivas as cesións de terreos.