UxC fala dun Cambre sustentable a través da innovación e a independencia enerxética
Unión por Cambre leva anos dando pasos para acadar un concello sustentable e respectuoso co medio ambiente. Proba dese compromiso son os proxectos executados con axudas europeas, como a substitución de 2.000 luminarias públicas con iluminación led e a implantación dun sistema de telexestión que monitoriza, en tempo real, o servizo de iluminación para facelo máis eficiente. Este sistema de telexestión aplicarase tamén a outros servizos municipais como a subministración de auga, o control do rego nas zonas verdes e a recollida do lixo.
Un concello sustentable que quere tamén ser independente enerxeticamente, algo que se conseguirá grazas a proxecto como a remodelación integral do pavillón dos Campóns, que conta cunha subvención europea, e que suporá a instalación de 600 paneis fotovoltaicos na cuberta do pavillón. Esta estrutura dará enerxía eléctrica aos cinco edificios municipais que están a menos de medio quilómetro da instalación deportiva, reducindo así a dependencia enerxética do municipio.
Avanzando nesa liña, UxC traballa xa na posta en marcha de comunidades de autoconsumo, onde os veciños e veciñas, empresas e a administración poidan compartir e xestionar a súa propia enerxía xurdida de fontes renovables. UxC traballa tamén en demandar o aproveitamento enerxético da presa de Cecebre e en poñer en valor a masa forestal que hai no termo municipal a través de proxectos de custodia do territorio.