Cambre gañou en espazos públicos para desfrute dos veciños e veciñas
Máis espazos para o desfrute da cidadanía, máis zonas verdes ao servizo dos veciños e veciñas e a realización de actuacións sostibles son os tres eixos centrais da política urbanística que desenvolve o partido liderado por Óscar García Patiño.
Un urbanismo que permita a interacción social ao tempo que dá solucións reais aos retos ambientais e de mobilidade que ten o noso concello, é o obxectivo central de Unión por Cambre que, nos últimos catro anos levou a cabo importantes actuacións neste senso na capital municipal para facer da Vila de Cambre, unha vila máis humana.
Subliñar, no último mandato, actuacións como a mellora da Praza Europa e a peonalización da fronte do Concello, dando protagonismo ao peón no centro da vila de Cambre que tamén tivo un cambio radical coa apertura da rúa Balado, a creación da praza que leva o mesmo nome e a mellora que se levou a cabo a través do proxecto reordenación das rúas de Cambre.
A apertura da Horta do Cura para desfrute de veciños e veciñas e a expropiación do terreo da finca Molina, foron outras das actuacións que permitiron que a Vila de Cambre conte hoxe con máis espazo público.
Con estas actuacións, que terán continuidade con outros proxectos que están en licitación e outros que se están a desenvolver inicialmente, UxC modifica completamente a capital municipal para facer desta vila un lugar único en toda a comarca.