Donato e José Ramón acompañarán a Dani Mallo no partido solidario que organiza Unión por Cambre
Unión por Cambre (UxC) organiza o vindeiro 17 de maio un partido benéfico para recadar alimentos para a Despensa Municipal. O partido, que se celebrará ás 12:00 horas no campo de fútbol Dani Mallo de Cambre, enfrontará a unha selección de xogadores e xogadoras dos equipos de fútbol do concello de Cambre contra un equipo de amigos e amigas de Dani Mallo.
Saltarán ao céspede polo equipo de Dani Mallo, ex deportivistas como Donato, José Ramón, Iago Iglesias, Marcos Suárez ou a periodista e ex xogadora Rocío Candal.
Deste xeito, o partido que lidera Óscar García Patiño quere que o deporte e a solidariedade cobren protagonismo nesta campaña electoral cun acto que se abre á veciñanza de todas as idades e que transmite un valor tan importante para a sociedade como é a solidariedade.
UxC aposta por abrir o deporte a toda a sociedade entendéndoo como un hábito de vida saudable. Por iso, ademais de seguir apoiando aos clubes municipais, Unión por Cambre quere abrir as mans a novas disciplinas deportivas e apoiar aos deportes minoritarios. O obxectivo, apuntan dende a formación de García Patiño, é que a veciñanza de Cambre achegue o deporte a súa rutina diaria xa sexa camiñando, xogando ao fútbol, escalando un rocódromo, desfrutar da pista de skate ou facendo ioga en plena natureza.
Os interesados en asistir, só teñen que traer un quilo de alimentos non perecedeiros. Todo o que se recolla, entregarase á Despensa Municipal de Alimentos.
Dende UxC agradecen aos clubes, xogadores e xogadoras a colaboración neste evento deportivo solidario así como a toda a veciñanza que teña en ben desfrutar deste partido.