O goberno axilizará a limpeza forzosa de fincas particulares

O goberno axilizará a limpeza forzosa de fincas particulares

Trabállase na elaboración dun plan municipal de prevención de incendios forestais

IMG_7473O equipo de goberno local confía en que a adhesión do Concello ao convenio entre a Xunta, a Fegamp e Seaga en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais sirva para axilizar a limpeza forzosa de parcelas de particulares no mes de maio.

O acordo, que foi subscrito en pleno, servirá para establecer un sistema público de xestión de biomasa nas faixas secundarias, evitando, desta forma, o risco de incendio forestal.

O pricipal obxectivo agora é a aprobación dun plan municipal de prevención de incendios forestais, un dos requisitos que debía cumprir coa súa adhesión ao convenio coa Xunta e a Fegamp. No documento, identificaranse tódalas parcelas incluídas nas faixas de protección establecidas pola lei, así como a identificación das persoas propietarias afectadas.

Co obxectivo de lembrar aos donos de parcelas situadas no municipio cales son as súas obrigas, o Concello publicou un bando na web municipal. Nel, infórmase aos particulares que pola Lei 3/200, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, deberán xestionar a biomasa vexetal nunha franxa de 50 metros perimetral ao solo urbano, de núcleo rural e urbanizable, así como ao redor das edificacións destinadas a persoas, vivendas illadas e situadas a menos de 400 metros do monte e tamén ao redor das edificacións illadas en chan rústico situadas a máis de 400 metros do monte. Ademais, nesa mesma franxa non poderá haber especies como piñeiros, eucaliptos e acacias, entre outros.

A maiores, e co fin de saber a quen pertencen as parcelas nas que se incumpriron ditas obrigas, o Concello remitirá un plano coa localización das fincas con propietarios descoñecidos ás asociacións de veciños.