Óscar García Patiño explica que as vivendas da Patiña son de Protección...

Óscar García Patiño explica que as vivendas da Patiña son de Protección Oficial ata 2027

No pleno extraordinario solicitado polo PP de Cambre para abordar o tema das vivendas da Patiña, o alcalde Óscar García Patiño desvelou que o edificio da Patiña é de Protección Oficial ata 2027 tal e como se recolle na documentación facilitada polo Banco Santander ao Concello.

García Patiño, que tivo acceso ao documento enviado polo Banco Santander sobre a situación do edificio, lamenta que dende a Xunta aínda non enviasen o expediente solicitado polo Concello o pasado 9 de outubro. “É curioso que o Banco Santander tarde tres días en enviarnos o documento e a Xunta aínda non enviou o expediente despois dun mes de espera”, sinala o primeiro edil.

Tal e como se pode ver na documentación remitida pola entidade bancaria, o acordo entre a promotora e o Instituto de Vivenda e Solo foi asinado en 1997 e ten unha vixencia de 30 anos, polo que non remata ata 2027. Esta información da un xiro radical á problemática da Patiña xa que queda demostrado que a propietaria do edificio ten a obriga de renovar o aluguer aos inquilinos nas mesmas condicións, sempre e cando se cumplan os requisitos que para alugueres de protección oficial marque a lei.

García Patiño esixe responsabilidades á Xunta de Galicia e ao Instituto de Vivenda pola nefasta xestión no tema das vivendas da Patiña. “Era tan doado como non ocultar que este bloque de vivendas é aínda de Protección Oficial. Non é de recibo que a Xunta saque un comunicado dicindo que acordaron co Banco Santander unha moratoria de tres anos cando en realidade os inquilinos teñen dereitos, como mínimo, ata 2027”, sinala o primeiro edil.

A Xunta asegurou nun comunicado hai uns días que “conseguiron renovar os contratos por tres anos a pesar de que as vivendas xa non son de protección oficial” despois de comunicar ao Concello e aos veciños afectados que o edificio xa non cumpría co réxime de Protección Oficial. Dende a Xunta venderon unha solución que non ten razón de ser ao estar aínda o edificio en réxime de Protección Oficial. Dende a Xunta tampouco informaron aos veciños afectados de que teñen dereito de tanteo sobre os seus alugueres.

 

Intervención do alcalde, Óscar García Patiño, no pleno extraordinario do 5 de novembro