Papeis para unha breve historia de Cambre IV (2)

Papeis para unha breve historia de Cambre IV (2)

CAPÍTULO IV . Parte II

A Romanización: alicerces da organización territorial do Cambre actual

1. O abandono dos castros.

A romanización en Galicia foi un proceso tardío e non houbo unha ruptura total co mundo castrexo. A partires do século I comenza a pasar algo nos castros: evoluciona a arquitectura interna, desbórdanse os recintos amurallados e pequenos núcleos aldeanos vanse espallando ao seu redor: Bribes, Cambre, Pravio, Vigo, Sigrás…

No Castro de Gosende hai anos atopei restos de cerámica indíxena castrexa con ladrillos romanos, fóra da croa ou recinto amurallado principal, posible sinal dese abandono progresivo. Na toponimia atópanse algún exempos como o rueiro de “Castro” en Bribes, fóra do recinto castrexo, pero moi próximo. O castro da Xoxa é probable que estivese habitado ata mais aló do Século VI, ao atoparse na croa restos de cerámica medieval. O topónimo “Alvarón”, que tamén se refire ao Castro, pode facer referencia ao primeiro possesor que abandonou o castro para asentarse fora das murallas: de “vila de Alvarius”.

Tamén temos no noso territorio algúns topónimos de orixe prerromano que teñen a súa orixe nesta época (ss. III ao V):

-Cambre, de sustrato prerromano que significaría “altura”, “fortificación”…, ou ben “límite”, “territorio”.

-Pravio. Antropónimo, “señor”. De orixe prerromano celta. Temén xurdiría arredor do s. III.

-Cecebre. Prerromano de “Cece-“ talvez procede de “ceto”, que significa bosque. Sería un “bosque alto ou da fortaleza”. Século III

-Lema. Prerromano, podría significar “lodo”.

Polo tanto óllase un progresivo traslado cara ao exterior: a definitiva transformación dos castros en aldeas primitivas. O caso de Pravio (significa “señor”) é significativo: considérase un antropónimo que fai referencia a un cabeza de familia que abandonou o antigo recinto castrexo para establecerse preto del. Así, as aldeas próximas aos diversos castros de Cambre (Drozo, Sobrecarreira, Fraís, Armental, Castro-Bribes…) teñen unha morfoloxía de carácter agregado, con relación directa co castro. En xeral, polo tanto, non parece haber cambio en Cambre na distribución das novas comunidades, xa que algunhas permanecen no seu emprazamento ou desprazándose uns poucos metros.

Mapa Vías romanas por Cambre

2.-A territorialidade.

Cambre, pola súa cercanía ao mar e ao porto dos ártabros, debeu ser unha importante ruta de tránsito obrigada de tropas, mercadurías e influencias, de Lucus a Brigantia e viceversa. E, como sabemos, as villae romanas inflúen decisivamente na progresiva transformación dos poboados castrexos, establecendo aldeas fóra dos castros relacionadas coa explotación agraria.

Faleivos no capítulo anterior da terra de Nendos, Nemitos… Pois ben, este termo aparece na documentación altomedieval como Arcedianato de Nendos, unha agrupación de parroquias dependente do bispado. Aparece nunha relación de Tructinio, bispo de Irian no século IX. Esto quere dicir que xa existía moito antes e que seguramente é o antigo territorio ou “treba” típico da organización celta. O auténtico “trebo-pala” ou lugar da tribo. Por tanto, sabemos que existen territoriaridades; existen, porque existen tamén os lugares de culto: a Terra de Nendos, o Arcedianato de Nendos, o lugar central onde se adoraba ás pedras, ás árbores e ás augas. Sigue a ser o mesmo. Este Arcedianato, Treba con vestimenta cristiana, compoñíase polos actuais concellos de Aranga, Cesuras, pasando por Oza dos Ríos e Coirós ata Abegondo, Betanzos, Carral, Bergondo, Sada, Oleiros e Cambre.

Neste territorio abondan os topónimos en –bre. A mais alta densidade de Galicia, o que tamén denota a alta densidade de poboamento na Idade do Ferro. E nesta terra, no solar da tribo, podemos rastrexar as bases da organización territorial galega (o sistema parroquial) que se inicia nas datas que estamos investigando. Os cristianismo adaptou estruturas xa existentes: da nada, nada se crea…

Esta sería a secuencia: Castro-Treba; aglomerado secundario-villa; arcedianato

Pero a integración-romanización paulatina non se podía facer sin unha boa infraestrutura viaria: nestas datas consolídanse as vías romanas o que provoca un gran desenvolvemento económico. Desta época é precisamente a Villa romana de Cambre, que se asentou no “lugar central”.

O itinerario XX de Antonino ou vía “per loca marítima”, desde Brigantia, pasaría por Cambre, Pravio, Cecebre, Mabegondo, Cos, Cesuras, Cidadela, As Cruces (Sobrado), Friol (onde está o seguinte miliario mais próximo) e Lugo.

Outros termos toponímicos parecen proceder deste período: “vicus” (Vigo) fai referencia a un asentamento galaicorromano e ao paso dunha vía. Seguramente hai unha pervivencia do antigo poboado no recordo comunitario que se plasmará en ritos e tradicións, así como no carácter sagrado dos lugares onde pouco despois se levantarán capelas e igrexas.

En Vigo podemos intuir este tipo de asentamento galaicorromano: castro, campo da feira, vía romana, lugar alto, central. Como tamén en Sigrás: a igrexa ubicada na ladeira, posiblemente un dos aterrazamentos do castro, nunha chaira que comeza no sitio do Outeiro (onde despois se chantou un cruceiro) e remata na Portela, seguindo, antes unha ruta prerromana, agora unha vía secundaria romana.

Precisamente en Cambre hai unha serie de topónimos que aparecen na documentación altomedieval como villas e que teñen a súa orixe neste período: Calambre, Pravio, Cecebre, Cella, Odroci, Peiragio, Vigo… Tamén topónimos como “pazó” ou “pazo” poderían evocar restos residenciais señoriais tanto en época baixorromana como altomedieval (en Sigrá consérvase o microtopónimo “pazo”).

Neste senso, Cambre, que en principio sería un “aglomerado secundario menor” romano e non un asentamento rural mais, aparece nos documentos como villa. Constituíu en época galaicorromana, sen dúbida algunha, o núcleo mais importante do territorio de Nendos, unha das territorialidades galegas mais dinámicas e poboadas desde a antigüidade ata hoxe.

En definitiva, pásase dunha sociedade con criterios defensivos a unha distribución baseada en factores naturais e económicos. Pero o sustrato indíxena permanece fosilizado: a pervivencia dos grandes territorios políticos ou trebas desde a Idade do Ferro ata hoxe, é unha hipótese que cada vez se manifesta con mais forza.

No seguinte capítulo intentarei explicar como un novo fenómeno vai ser o causante da organización territorial galega en xeral e en Cambre en particular: o Cristianismo, que comenza a verdadeira difusión desde ámbitos urbanos cultos, centros de poder, ata chegar á periferia hacia finais do século V e inicios do século VI.

Moncho Boga

En Sigrás, na primavera do coronavirus de 2020, permanecendo na casa.

Saúde e sorte!!!!!

NOTA:

Si queredes saber mais, recoméndovos unha bibliografía básica e indispensable:

Sánchez Pardo, : “Territorio y población en Galicia, entre la Antigüedad y la Plena Edad Media”. Tese de Doutoramento.

González Ruibal, “Galaicos. Poder y comunidad en el NO de la Península Ibérica” 2006

Ferreira Priegue, “Los caminos medievales de Galicia”.

Bermejo Barrera, “Mitología y mitos de la Hispania Prerromana, T.II”.

Brañas Abad, “Indíxenas e romanos na Galicia céltica”.

García Fernández-Albalat, “Guerra y religión en la Gallaecia y Lusitania antiguas”, 1990.

Rodríguez Colmenero, “Miliarios e outras inscricións romanas no NO hispánico”, 2004.

González García, “Os Ártabros. Estudio xeográfico e etnohistórico”, 2003.