Papeis para unha breve historia de Cambre IV

Papeis para unha breve historia de Cambre IV

CAPÍTULO IV. Parte I

A Romanización. Características xerais.

0.-INTRODUCIÓN.

Neste capítulo vou contar as cousas que sabemos da romanización en Cambre, partindo da hipótese de que o lugar do “trebopala”, do “oenach”, contado no capítulo anterior, é o mesmo sitio que os romanos aproveitaron para fundamentar a ocupación da zona.

É lugar común considerar que os romanos mantiveron o mesmo orde de cousas formalmente idéntico de época castrexa. Por iso o centro de Cambre sería o lugar de cruce, de distribución do sistema viario, o lugar do princepsxa perfectamente articulado e onde os romanos seguiron ocupando o “lugar central”. Desde aquí estableceron as súas rutas, comenzaron a domesticar o territorio, a organizar as explotacións agropecuarias, de produción, mineiras…

1.-A organización.

Cando os romanos chegaron a Galicia, o primeiro que fixeron foi organizar o territorio construíndo un sistema viario para interconectar entre sí as grandes cidades que tamén comenzaron a construir. Tratábase de que os exércitos poidesen moverse con facilidade para controlar o territorio e defender as numerosas explotacións mineiras, incluso en Cambre.

As tres grandes Vías da Gallaecia romana son as seguintes: Vía XVIII, desde Bracara Augusta a Asturica Augusta e Lucus; a Vía XIX, desde Bracara ata Lucus polo interior e a Vía XX ou “per loca marítima” que, desde Braccara, circulaba polo litoral, Santiago, Terra de Bergantiños para chegar a Brigantia e continuar a Lucus.

Aos romanos, tendo en conta o seu carácter práctico, interesáballes manter unha organización que xa funcionaba no territorio indíxena. A rede viaria era unha delas, por iso é de gran utilidade seguir a liña dos asentamentos prehistóricos á hora de reconstruir o trazado romano como reaproveitamento das rutas anteriores, posto que na nosa zona non se conservan os milirarios que sinalaban as distancias nas vías.

Entre os camiños existentes antes da conquista romana abundan os que aparecían sinalados polos amoreamentos de pedras a saber, os amilladoiros, ou Montes de Mercurio, o mensaxeiro dos deuses. Como dato, recordar as diatribas de Martiño Dumiense (s. VI d. de XC.), bispo de Braga, contra os cultos paganos que se seguían a realizar nestes lugares, a pesar da cristianización.

As características das vías romanas son as seguintes, en xeral: itinerarios por terreos elevados, mais efectivos para evitar ataques sorpresa; fuxir dos vales, evitando as crecidas dos ríos, e a liña recta. Estaban xalonados por miliarios, que sinalaban as distancias: lamentablemente na bisbarra non se conserva mais que un no Concello de A Laracha (miliario de Santiago de Vilaño).

Ao longo das vías colocaban as “mansio” e as “statio”; tamén as “tabernae”… En definitiva, os romanos non fundaron da nada nin as vías nin os principais núcleos: prácticamente todos son castros prerromanos coas súas rutas de comunicación xa existentes.

Considero así que desde Cambre, como enclave viario, destribuiriase a rede de vías secundarias en todas as dirección (o que algúns autores denominan “aglomerado secundario”, e dicir, entre a Villa e a Cidade).

Fot. 2 Interior Xacemento

(Foto: interior xacemento)

2.-A posible rede viaria romana en Cambre.

Partindo da hipótese anterior, e dicir, que a maior parte da rede viaria romana debuxouse por enriba dos camiños prehistóricos e, si mantemos que Cambre era un “lugar central”, porta de entrada á cidade de Brigantia, posible sé do portus magnum artabrorum, só nos queda aportar as probas que corroboren esa hipótese.

Neste interpretación é fundamental a consideración da Villa romana de Cambre como enclave de carácter viario, non só (que tamén) a súa carcterización como villa de explotación agropecuaria. Ubicada no norte do val do río Mero, en situación de control do territorio, as latrinas colectivas conservadas non se requiren para un uso exclusivo privado: tamén se explican si consideramos que os baños termais eran empregados por viaxeiros, mercaderes, funcionarios….

As probas a favor da hipótese dunha rede secundaria cuxo lugar central é Cambre, cífranse na presencia dalgúns fitos que merece a pena analizar, e que parte, como viamos mais enriba, do Xacemento da Villa romana como enclave viario, unha especie de “statio”, ou “aglomerado menor”.

Tres elementos arqueolóxicos e a toponimia apoian esta hipótese:

  1. Unha inscrición funeraria romana no Temple, hoxe desaparecida, que facía de mesa ofertoria do tamén desaparecido cruceiro preto da Ponte. A inscrición estaba adicada aos deuses Manes (deuses do fogar) e tradúcese do seguinte xeito: “Xulia Severa adica este monumento aos deuses Manes de Caio Xulio Severo, seu piadosísimo marido, que faleceu aos 47 anos”.

  1. Presenza dunha estela romana no Pazo de Pravio, fora de todo contexto arqueolóxico, pero que se ubica nun lugar de orixe viario-romano, no rueiro de “Calle” .

  1. A Villa romana de Cambre como complexo termal, coas súas pinturas murais, latrinas…

A principal ruta que viña de Lugo pasaría por Cecebre: desde Orto, Fraga-Apeadoiro, Castro da Xoxa, Catro Camiños, Pravio (onde se conserva o topónimo “Calle”, que procede de cal, callis, unha das capas das vías romanas), pasando á beira de Armental (castro) para chegar a Cambre: Cruceiro (cruce de camiños), Campo da Feira e Villa romana. A continuación, Amil, Pena da Nosa Señora e A Barcala. O termo “Bar-“, si é prerromano, entón pode significar “curso de auga que flúe”; e si o antefixo “-cala”, fai referencia ao deus “Camal” ou “Calamo”, entón pode ser un deus da guerra ou unha antiga divinidade do ocaso, “o día que morre”. Polo tanto estaríamos diante dun topónimo que significa “o río que morre”. Por último chegada ao Temple, lugar do que hai indicios suficientes para sospeitar a existencia doutra gran villa romana así coma un paso anterior a actual ponte que é do século XIV.

Si se considera que Brigantia é un enclave de finalización de vía (ad finibus), eso implicaría que Cambre serviría de lugar de distribución doutras rutas secundarias, un atallo. Cara a Sigrás, con dirección a Bergantiños polo Val de Veiga, co topónimo Celas de Peiro (cellarium) e logo cara a Soandres, onde se atopou outra importante inscrición romana. Desde aí, chégase a A Laracha onde apareceu o único miliario da vía per loca marítima na nosa bisbarra.

Cara ao interior, desde Brigantia, outra variante pasaría por Sigrás cara a Santiago, bordeando castros (Alvedro, Sigrás, Tabeaio, As Travesas…). Preto do Castro de Sigrás consérvase o topónimo Portela (lugar onde se cobraba a “parata”, un imposto) e Carneiro, ou amilladoiro. Tamén, a principios do s. XX, no adro da Igrexa de Sigrás había un capitel romano, hoxe desaparecido. Cerca do Castro das Travesas, en Carral, escavouse hai uns anos o resto dunha calzada romana que se interpreta como unha variante do itinerario XX, que é continuación desta ruta.

E, por último, outra variante que leva a Carral e que engarza co Camiño Inglés, que é a ruta da que falei antes: Cela (de cellarium), O Corgo, Vigo (de vicus) e pasa á beira dos Castros de Lema, A Pagueira, Castro de Brandariz en Vigo, etc.

Fot. 3 Debuxo

3.-CONCLUSIÓNS

Hoxe en día cada vez mais investigadores consideran que o itinerario da vía “per loca marítima” transcurría por Cambre, e que esa ruta e as complementarias, seguiron a ser transitadas desde a Alta Idade Media ata hoxe.

Pero os ámbitos de asentamento, como veredes, seguirán a ser os mesmos ao longo do períodos históricos seguintes.

No próximo capítulo intentarei explicar o transo da ocupación castrexa e tardorromana en Cambre, e dicir como se configurou o actual territorio parroquial, que ten a súa orixe no período tardorromano.

Fot. 4 Recreación Naveiro

(Foto: recreación Naveiro)

Moncho Boga

En Sigrás, na primavera do coronavirus de 2020, permanecendo na casa.

Saúde e sorte!!!!!