Papeis para unha breve historia de Cambre V (2)

Papeis para unha breve historia de Cambre V (2)

CAPÍTULO IV . A Idade Media (entre os séculos V e XV)

Parte II.Plena Idade Media (século XI ata o século XII)

0.-INTRODUCIÓN

Na documentación medieval pouco a pouco vai desaparecendo o concepto de “villa” que será sustituido por “parrochia”, tomando o seu nome da Villa. Componse de varios núcleos dispersos agrupados baixo un topónimo xeral, normalmente o da villa é o mais importante.

No século XIII, prácticamente todas as parroquias de Cambre están conformadas tal e como as coñecemos hoxe. A partir de aí, a igrexa, como edificación, será o lugar de encontro, de reunión onde se celebran todo tipo de actos comunais e xurídicos, lugares con carácter sagrado prerromano. No século XI aparecen documentadas a maioría das entidades principais que serían anteriores ao ano 1000, pero que neste período están a medrar e a consolidarse.

A fundación dos mosteiros por parte da aristocracia obedeceu a motivos económicos, como mecanismo para conservar o patrimonio familiar. En Cambre, ademais, consérvanse topónimos doutro tipo de edificacións destinadas a fortalecer o poder feudal sobre a poboación, as fortalezas: “a Castellana”, “Torre”, “Mota”, como xa vimos no outro capítulo.

A toponimia reflexa na nosa zona unha maior pegada da presencia humana: o comenzo da alta densidade que continúa ata hoxe. Por exemplo, aparecen os “casais”, que son minúsculas entidades formadas por poucas casas e as “agras”.

DSC07688

1.-Da Villa á Parroquia.

Na documentación, paseniñamente, vai desaparecendo o concepto de “villa” sustituido por “parroquia” ou “ecclesia”, conformándose coma un espazo ou territorio perfectamente delimitado. Si vos fixades, na meirande parte das parroquias actuais non existe núcleo algún ou lugar de poboamento de igual nome que a parroquia e a antiga villa. Por iso “villa” é un territorio: tanto a parroquia como a villa teñen que ver cunha aldea polinuclear con varios núcleos de diverso nome pero agrupados baixo o mesmo topónimo xeral.

A igrexa, polo tanto, apropiase da organización anterior para cimentar o seu poder sobre os campesinos. De seguida, ademais de ser en principio unha unidade de encadramento relixioso, confórmanse con outros significados tan importantes: político, social e económico e mental, feito que explica o enraizamento e o papel fundamental da parroquia no rundo rural.

A parroquia definirase polas seguintes características: un lugar de culto, un territorio delimitado, un grupo humano que paga o diezmo e un cura encargado da realización das prácticas relixiosas. Por iso será a unidade territorial sobre a que opera a feudalización do territorio e funciona no sentido de unidade política.

A delimitación que se fai das parroquias nos séculos XII e XIII é a mesma que pervive aínda hoxe.

DSC07668

3.A consolidación.

Desde os século X ata o XII, a alta densidade demográfica e as boas colleitas xeneran unha extraordinaria saúde económica no noso territorio, como se desprende da documentación: proliferan as “agras”, “cortiñas”, “viñas”, “terreos”, “prados”, “pumares”… Os foreiros teñen nome e apelidos.

As vías romanas seguen a ser as arterias de comunicación principais, pero ábrense novos camiños que intercomunican os principais núcleos de poboación, debido á comercialización dos excedentes. Probablemente o primitivo “oenach” de Cambre será nestas datas lugar de feira, de comercio, á sombra do mosteiro bieto.

Podemos imaxinar unha inusitada actividade construtiva: o Burgo de Faro xa ten un porto onde chegan mercadurías e peregrinos, e, ao abrigo do fondo da ría, vemos aceñas, novas construcións, todo tipo de oficios e un Castelo que pouco a pouco vaise convertendo na cabeza visible de toda a actividade económica: xunto aos templarios, recén ubicados, establécense aquí os monxes de Sobrado, o bispado de Santiago, os monxes de Carracedo (O Bierzo). Todos teñen propiedades no Temple. Mercaderes, cabaleiros templarios, nobleza, canteiros, aceñeiros, carniceiros, mariñeiros, monxes negros e brancos, bandidos, rufiáns, mariñeiros, clérigos, peregrinos de todas as nacionalidades… O Burgo de Faro é o punto de entrada da peregrinación a Santiago e, desde aquí, revitalízase a vella vía romana secundaria que, por Sigrás e Anceis, chega ata Santiago. O Camiño Inglés, coas súas sinais e estacións: fontes, pontes, hospital de peregrinos, portádegos…

A nobleza campa ás súas anchas: os Traba, relacionados cos fundadores do mosteiro de Cambre (que tamén estaban emparentados cos Condes de Présaras, Hermenexildo e Paterna, promotores do mosteiro de Sobrado) seguían sendo os donos do Mosteiro de Cambre, aínda que agora vanse unir á casa matriz de San Paio de Antealtares.

Podemos imaxinar cuadrillas de canteiros construíndo a nova igrexa de Cambre coas súas dependencias anexas, a de Sigrás, Anceis, Brexo, Bribes, Pravio, San Lourenzo, Vigo…, homes e ideas van cambiando a nosa paisaxe. Na documentación afóranse (alúganse) edificios, muíños, terrenos, casais, vilares, viñas,… A actividade agropecuaria medía a riqueza: porcos, vacas, galiñas, cabritos eran as veces a moeda con que se pagaban os aforamentos.

DSC00018

En suma, o rasgo principal da vida nas parroquias derivou directamente do seu pequeno volumen: cada individuo coñecía a todos os demais. O traballo unía a toda a comunidade, pois os traballos mais pesados e difíciles requerían a cooperación. A comunidade estaba unida espiritualmente nunha congregación relixiosa: a parroquia é un organismo integral, cos rasgos fundamentais de identidade e solidaridade.

No capítulo seguinte veremos algúns dos protagonistas desta historia.

Moncho Boga

En Sigrás, na primavera do coronavirus de 2020, permanecendo na casa.

Saúde e sorte!!!!!