Unión por Cambre defende en pleno unha Vía Ártabra que de servizo...

Unión por Cambre defende en pleno unha Vía Ártabra que de servizo a Cambre

Co seu voto en contra da moción presentada por Alternativa dos Veciños, UxC defende o entronque en Catro Camiños e a conexión coa A6, un vial libre de peaxe e que de servizo a toda a comarca

Unión por Cambre votou en contra da moción presentada por Alternativa dos Veciños en Cambre en donde se pedía á Xunta que se axilizasen os trámites para contratar a obra da Vía Ártabra entre Iñás e A Gándara para a súa conexión coa AP-9 así como reclamar a redacción do proxecto para continuar ata a A-6.

Unión por Cambre defendeu un único trazado conxunto que conecte a Vía Ártabra coa AP-9 en Catro Camiños e continúe ata a súa conexión coa A-6. Un trazado fundamental para dar conexión á comarca, interconectar os polígonos industrias e servir de eixe vertebrador a área metropolitana da Coruña. Por iso o importante, tal e como explica o concelleiro de UxC Juan González Leirós, sería preciso aprobar unha programación de fases cos seus correspondentes prazos así como o orzamento preciso que garanta a totalidade da execución do trazado AP-9/A6.

Unión por Cambre defende, tamén, dende o principio unha vía libre de peaxe, obxectivo que co entronque que pretende a Xunta non está garantido. O só feito de que o proxecto anulado polo Tribunal Supremo proxectase unha praia de peaxe fai pensar, como mínimo, que esa opción está enriba da mesa o que suporía un agravio comparativo en relación a outros concellos de Galicia que gozan de viais de circunvalación de libres de peaxe. A  mobilidade da área metropolitana máis importante de Galicia non pode estar sometida a peaxes nin a trazados, que por capricho de algúns, deixen de lado a unha parte importante do territorio, neste caso aos veciños e veciñas non só de Cambre senón tamén doutros concellos da área metropolitana. Ademais o trazado anulado polo Supremo que ten pensado volver a propoñer á Xunta, suporía, por ende, a supresión da entrada e saída a Santiago que hai agora en Catro Camiños. Deste xeito Cambre queda sen servizo hacia a A-6, sen servicio da AP-9 hacia Santiago e obrígase aos veciños e veciñas a dar unha volta de máis de dous quilómetros para poder acceder a unha AP-9 que só conecta coa entrada na Coruña por Alfonso Molina.

Durante o pleno ordinario de xuño, o concelleiro de UxC, Juan González Leirós, puxo en valor o acordo do plan viario comarcal do ano 2004 no que se xa se falaba dun vial das mesmas características que defende Unión por Cambre, e que foi respaldado polos alcaldes da comarca nese momento e polo entón conselleiro da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Leirós explicou que a Vía Ártabra ten que ser un vial que de servizo a Cambre e que non perxudique aos veciños e veciñas deste concello que, de levarse a cabo o trazado que baralla a Xunta que non é outro que o que tumbou o Tribunal Supremo, estarían condeando a Cambre a ser un concello de paso pero sen servizo.

Unión por Cambre insiste que, neste momento, no que a Xunta ten que empezar de cero é o momento de consensuar o trazado dun vial que é fundamental para toda a comarca e non se pode perder a oportunidade histórica que se nos presenta para, aínda que leve un pouco de tempo máis, acadar un vial de alta capacidade que solvente dunha vez os problemas de mobilidade que sufren a diario os veciños e veciñas de Cambre pero tamén doutros concellos da contorna.

A voceira de Unión por Cambre, María Pan, fai un chamamento á Xunta de Galicia para sentarse a falar e buscar a mellor solución, tal e como xa lle expuxeron tanto ela como o concelleiro de UxC Juan González Leirós, na reunión mantida co Director Xeral de Infraestructuras, á que asistiu tamén o concelleiro de A.V, Manuel Castro Uzal.