UxC destinou máis de 300.000 euros para mellorar edificios municipais

UxC destinou máis de 300.000 euros para mellorar edificios municipais

Melloras nos locais sociais de Lendoiro, Andeiro, Sigrás, Santa María de Vigo e na Casa do Pobo de Meixigo foron algunhas das actuacións levadas a cabo polo goberno que encabeza Óscar García Patiño (UxC).

A estas melloras hai que sumar a construción do local social de Cela, que se atopa xa rematado a disposición dos veciños e veciñas. Con esta actuación, o partido que lidera García Patiño cumpre unha das súas promesas e dáse solución a unha débeda histórica que o Concello tiña cos veciños e veciñas da parroquia de Cela, a única do municipio que, ata este ano, carecía de local social.

Se a participación veciñal é un dos eixos fundamentais da política de Unión por Cambre, poñer a disposición de veciños e veciñas locais en condicións onde reunirse, facer actividades e celebrar diversos actos é básico para seguir garantindo unha comunidade forte e unida que, sen dúbida, redundará no benestar de todo o concello.

Melloras nos edificios administrativos

A apertura do pavillón de Anceis, que a oposición tentou vetar desde o primeiro minuto, a posta á disposición dos veciños e veciñas da Biblioteca Central María Pita, a apertura da Omix en Casa Arrigada ou o novo local de Servizos Sociais son catro das actuacións máis importantes feitas nesta lexislatura en canto á creación de novas instalacións municipais.

Actuacións ás que hai que sumar as obras de mellora e ampliación que se están a levar a cabo no complexo deportivo da Barcala ou a apertura do rexistro municipal do Temple no edificio dos Magnolios, onde tamén se abriu a oficina de Atención á Cidadanía co obxectivo de mellorar os servizos e a atención que se prestan dende o Concello á cidadanía.