UxC aposta por proxectos que converterán a Cambre nun concello sostible
Os concellos intelixentes son aqueles que usan os seus propios recursos e a tecnoloxía para crear ecosistemas innovadores de desenvolvemento sostible. Da man de UxC, Cambre leva tempo traballando neste obxectivo, con proxectos tan concretos como a rehabilitación integral arquitectónica do pavillón dos Campóns.
Un proxecto que suporá a instalación dunha instalación fotovoltaica na cuberta con 600 placas solares que darán electricidade ao pavillón e aos edificios municipais que se sitúen a menos de medio quilómetro de distancia: a Escola de Música Sementeira, a base de protección civil David Pisani, a Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) de Casa Arrigada, o local social de Sigrás e o CEIP Gonzalo Torrente Ballester. Un proxecto que conta cunha axuda europea de 1,6 millóns de euros.
Pero o camiño cara a ese concello intelixente e sostible tamén vén da man da execución dun proxecto de iluminación viaria eficiente que supuxo un investimento de preto de 1,5 millóns de euros, tamén con axudas europeas, para a substitución de máis de 2.000 puntos de luz en Cambre, A Barcala, O Temple e o polígono do Espírito Santo. Este novo sistema de iluminación está dotado dunha avanzada tecnoloxía de telexestión que garante un servizo máis eficiente e intelixente ao permitir facer unha monitorización en tempo real do estado e consumos da iluminación pública.
Un sistema de telexestión que UxC quere levar a outros servizos que se prestan desde o Concello para mellorar así a súa eficiencia. Esta liña de traballo para acadar un concello máis sustentable completouse ao longo destes últimos catro anos coa substitución de coches de combustión por vehículos eléctricos, a plantación de máis de 200 árbores en diferentes puntos do concello.