UxC confirma que sen plan xeral, Cambre non ten futuro
O goberno liderado por UxC foi quen de sacar adiante inicialmente o Plan Xeral de Ordenación Municipal tal e como se comprometera no seu día, convencido de que sen PXOM non hai futuro para Cambre.
O plan, que está pendente agora de resolver as alegacións presentadas antes de elevarse para a súa aprobación inicial, é o documento clave para garantir un desenvolvemento sostible e equilibrado do concello, sentando as bases do ordenamento urbanístico dos vindeiros anos ao tempo que permitirá a mellora dos servizos básicos. A protección do patrimonio e o medio ambiente é outra das garantías que dá este documento ao preservar tanto elementos naturais como patrimoniais e históricos que, ata o momento, non contaban con protección algunha.
Impulsar o desenvolvemento económico coa creación de novas áreas de actividade industrial e comercial é outras das liñas que reflicte este documento aprobado inicialmente e que UxC espera avanzar na próxima lexislatura. O partido liderado por García Patiño é o único que pode garantir a tramitación do Plan Xeral. De feito, máis aló dos partidos do goberno, ningún partido da corporación formulou ningunha achega ao documento de planeamento e mesmo deixaron constancia en pleno da súa oposición radical a este plan urbanístico.
Lonxe de rédito político e electoralista, UxC sempre fixo un chamamento ao resto de grupos para que fixeran as súas achegas. UxC está convencido de que cantas máis voces e ideas se sumen, mellor vai ser o documento que rexerá a ordenación do urbanismo en Cambre nas próximas décadas. Con esa máxima, faise un chamamento a todos os grupos que se presentan a estas eleccións para que, sexa cal sexa o resultado, non se deixe morrer un plan que xa botou a andar e que é vital para o avance do concello.
Urbanismo social, a cidadanía no centro
UxC impulsou, dende a súa chegada ao goberno, unha nova forma de facer urbanismo rompendo coas prácticas anteriores, e apostando por un urbanismo ordenado, integrador e accesíbel, un urbanismo social que garante a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas.
Continuando coa liña marcada ao longo das últimas dúas lexislativas, promoveranse accións de transformación dos núcleos urbanos onde o peón gañe protagonismo, ampliando equipamentos públicos tanto no rural como na zona urbana e creando novos espazos de esparexemento que favorezan a interacción e a cohesión social para encher de vida os núcleos e impulsar a economía local.