UxC fixo posible o inventario de bens municipais
Nesta lexislatura, o goberno de García Patiño conseguiu aprobar en pleno o inventario de bens municipais, unha ferramenta fundamental para definir, dunha vez por todas, cales son os bens de carácter municipal. Este inventario, que é un documento vivo que se irá actualizando a medida que sexa preciso, serve para definir os bens que posúe a administración local ao tempo que deixa constancia dos viais municipais a través do inventario de camiños municipais. Dentro dos bens municipais, o Concello de Cambre conta con fincas, lavadoiros, cruceiros e locais, que aparecen recollidos por parroquias no inventario que é público e ao que teñen acceso todos os veciños.
No eido dos camiños, recóllense un total de 512 viais de titularidade municipal. O inventario recolle aqueles camiños públicos que xa aparecían recollidos nas normas subsidiarias, no catastro e nos voos americanos de 1956. Pero Cambre conta con moitos máis camiños que, ao longo do tempo, foron asfaltados por outras corporacións, contan con servizos, dan acceso a núcleos rurais consolidados, etc…camiños que para moitos veciños son públicos pero non están catalogados como tal. Neste senso, o obxectivo de UxC é dar solución ás peticións veciñais que levan anos nun caixón esperando resposta, tal e como explica o edil de Turismo, Patrimonio e Xuventude, Ramón Boga, que matiza que este documento seguirá actualizándose en base as peticións que seguen chegando dos veciños de Cambre. “A nosa idea é poder dar resposta ás peticións veciñais e catalogar como públicos todos aqueles camiños que a lei permita”, sinala ao tempo que explica que se está a traballar para analizar e ver a viabilidade de declarar públicos ou non todas as peticións presentadas por rexistro polos veciños sobre este tema.
Con este inventario, UxC cumpre coa súa promesa electoral de apostar pola transparencia e por contar con unha ferramenta fundamental para calquer concello e da que carecía ata hai pouco o Concello de Cambre. Os interesados en consultar o inventario poden facelo na páxina web do concello.