UxC mellora as instalacións deportivas cun investimento de máis de 1.300.000 euros

UxC mellora as instalacións deportivas cun investimento de máis de 1.300.000 euros

Convencidos de que a práctica deportiva é esencial para os cambreses e cambresas, dende UxC entenden que é esencial investir no mantemento e a mellora dos espazos deportivos públicos. Por iso, ao longo desta lexislatura leváronse a cabo melloras nos vestiarios do Once Caballeros e tramitouse o expediente para redactar o proxecto para a reforma do céspede do campo de Lendoiro. Actuacións que tamén se levaron a cabo no campo Dani Mallo de Cambre, onde se cambiou o céspede e no campo do Brexo-Lema, onde se está a executar a construción das novas bancadas.

Ademais das actuacións nos campos de fútbol, nesta lexislatura, o partido que lidera Óscar García Patiño impulsou o arranxo integral da pista do colexio Wenceslao Fernández Flórez de Cambre, actuacións de mellora nos peches perimétricos das pistas do Souto en Sigrás, Santa María de Vigo e Meixigo e a construción da pista de calistenia en Cambre e no Temple.

En marcha está, nestes intres, a mellora do Complexo Deportivo da Barcala, que permitirá contar cunha nova sala diáfana de 100 m2, podendo así incrementarse a oferta deportiva do complexo.

En total, máis de 1.300.000 euros de investimento en instalacións deportivas en Cambre que permitirán aos veciños e veciñas contar con espazos seguros e de calidade para a práctica deportiva.