UxC súmase ás reinvindicacións da ANPA do Graxal para pedir solucións a Alcaldesa
Mentras siga pechada a polideportiva do Graxal a ANPA, coa que se reuniu UxC, propón facer as actividades no Portofaro ou noutra instalación axeitada con servizo de bus para trasladar aos escolares ou instalar unha carpa no patio do colexio
Unión por Cambre súmase ás reivindicacións da ANPA do colexio do Graxal para que, mentras siga pechada a polideportiva do Graxal, o goberno tome medidas para garantir que o alumnado do centro poida realizar as súas actividades extraescolares.
Tal e como explicaron representantes da ANPA á voceira de UxC, María Pan, e a concelleira Meriyó Pan, o colexio Portofaro está aberto a prestar as súas instalacións para realizar as actividades extraescolares, pero precisan que o concello poña un bus que traslade aos escolares dun centro ao outro para que as familias poidan seguir facendo uso destas actividades para a conciliación da vida laboral e familiar. Solución que tamén sería válida de ser outra a instalación proposta polo goberno sempre e cando haxa servizo de transporte para o traslado dos escolares.
A ANPA do colexio do Graxal tamén propuxo como alternativa instalar unha carpa no patio do colexio mentras durase esta situación. Dúas solucións que están á espera de ser estudadas polo goberno local e que se poña en marcha algunha delas.
Dende Unión por Cambre respaldan as solucións que a ANPA pon enriba da mesa e solicitan ao goberno de Diana Piñeiro unha solución inmediata ao tempo que non entenden que o goberno local do PP siga dando a calada por resposta ante os problemas dos veciños e veciñas de Cambre, algo que se está volvendo habitual dende a toma de posesión deste goberno.
UxC espera que a Alcaldesa, Diana Piñeiro, asuma as súas responsabilidades e poña en marcha unha solución para estas familias que, a pesar de buscar solucións e opcións, non atoparon, polo momento, nin respaldo nin resposta por parte do goberno local.
A polideportiva cuberta do Graxal está pechada por desprendementos de cascotes dende o pasado 26 de setembro, sen que a día de hoxe haxa comunicación algunha de solucións ou posibles prazos de apertura da mesma, tendo en conta que dita instalación non só acolle as actividades extraescolares que organiza a ANPA senón tamén é o lugar que emprega o centro escolar para desenvolver as clases de educación física que nestes días, aproveitando o bo tempo, estanse a desenvolver no patio do propio centro.
Dende Unión por Cambre aclaran que non é certo que o problema da polideportiva xurdira o ano pasado e o goberno de UxC non tomase cartas no asunto, como está a decir o concelleiro de Deportes. Si houbo un aviso hai dous anos e tras unha inspección técnica feita por persoal municipal, comprobouse que non había perigo e que a instalación podía funcionar sen problema, proba de elo é que ata o de agora non se produciron, dende hai dous anos, máis incidentes.
“O problema actual da polideportiva precisa dunha solución e esa solución corresponde ao goberno actual que leva case seis meses ao frente do Concello. Non se pode vivir eternamente de botar as culpas a quen xa non está. Hai dous anos a instalación puido seguir funcionando con normalidade despois das correspondentes inspeccións, agora parece que non”, explica a voceira María Pan.
Filtracións de auga en infantil
Unión por Cambre lembra tamén ao goberno local que segue pendente de arranxo os problemas de filtracións de augas nas aulas de infantil do centro. “Espero que nesa visita do Xefe Territorial de Educación aos colexios de Sigrás e Brexo-Lema, a alcaldesa lle lembrase tamén as necesidades do centro do Graxal que nós reiteramos en varias ocasións pero que nunca recibiron resposta”, apunta a concelleira que levou a área de educación durante a última etapa do goberno de Unión por Cambre, Maria Carmen Pan Matos.
“Aínda que é unha vergoña que só se escoiten as necesidades dos colexios en función de se goberna ou non o PP o concello, celebramos esa visita a ver si, por fin, a Xunta cumpre coa súa obriga de investimentos nos colexios do Concello de Cambre”, conclúe a voceira e ex alcaldesa María Pan que lembra como os representantes da Xunta en materia de educación se negaron a recibir nos últimos anos aos alcaldes de UxC para falar das necesidades dos colexios de Cambre.
Cabe lembrar, neste punto, que é a Xunta a que ten competencia en materia de investimentos nos colexios públicos de Cambre e a quen lle competen actuacións como a eliminación das filtracións de auga no colexio do Graxal así como actuacións de mellora noutros colexios do concello porque, a única competencia que ten o concello nos colexios en materia de obras son pequeñas actuacións de mantemento .
Cambre, ao igual que outros moitos concellos, están asumindo competencias en materia de educación que lle son impropias ante a inacción da Xunta de Galicia. Haberá que ver agora, atendendo ao que deu a coñecer o goberno de Diana Piñeiro, si a Xunta asume as grandes obras que precisan os centros educativos de Cambre. No caso do Graxal, xunto coa eliminación das filtracións de auga en infantil, precísase cambiar os baños antiguos, cambio de fiestras e caldeira de calefacción ou a instalación dun váter a maiores nas aulas de infantil, entre outras. Actuacións que distan moito de ser arranxos de mantemento senón máis ben consecuencia de obras mal executadas ou investimentos necesarios debido aos anos que ten o centro escolar. O peche da polideportiva do Graxal está a afectar tamén ás actividades de entidades deportivas de Cambre, polo que urxe unha pronta solución.





