Cambre iniciará o proxecto de rexeneración urbana en O Temple

Cambre iniciará o proxecto de rexeneración urbana en O Temple

O Concello de Cambre iniciará, a próxima semana, o proxecto de mellora do espazo público e rexeneración urbana en O Temple, que incluirá actuacións en dez cales desta zona.
En concreto, o plan de rexeneración comezará o luns, 4 de novembro, nas rúas Luís Seoane e Teresa Herrera. Unha vez terminadas estas dúas intervencións, actuarase tamén nas rúas Ánxel Fole, Eduardo Pondal, Rosalía de Castro, Francisco Rodríguez, Celso Emilio Ferreiro e Párroco Manuel Cobas. Este plan supoñerá un importante cambio estético na zona, e o máis importante, unha importante mellora nas condicións de seguridade, accesibilidade e ordenación en O Temple.
O proxecto que o Concello acometerá nestas rúas implicará, fundamentalmente, os seguintes traballos: renovación do pavimento e adaptación do ancho das beirarrúas, elevación dos pasos de peóns, acondicionamento dos viais, reordenación do espazo de aparcamento e renovación da iluminación actual –apostando pola tecnoloxía LED-, do mobiliario urbano e das árbores.
Durante a execución das obras en Luís Seoane e Teresa Herrera, os veciños e veciñas da zona poderán utilizar os seus garaxes, excepto nos días necesarios para acometer os labores de pavimentación. A previsión do goberno local é que as intervencións en Luís Seoane e Teresa Herrera finalicen o 20 de decembro.
Con todo, e co obxectivo de non entorpecer a actividade comercial propia da época do Nadal, o Concello retomará o proxecto para mediados de xaneiro do 2020, actuando no resto de rúas.