O proxecto do Concello en 1º de Maio non afecta os...

O proxecto do Concello en 1º de Maio non afecta os garaxes

O Concello de Cambre presentou hoxe aos partidos da corporación municipal dous informes sobre as obras que se están acometendo na praza 1º de Maio. Por unha banda, unha memoria realizada polo director de obra sobre as actuacións de impermeabilización que a comunidade de veciños está a realizar en rochos, muros e ramplas de acceso a garaxes das comunidades. Polo outro, un dossier descritivo sobre os traballos de urbanización que o Concello está a levar a cabo na propia praza.

En ambos os documentos conclúese que as actuacións de urbanización do Concello non afectan os garaxes da comunidade de propietarios. Así mesmo, os escritos determinan que non existe risco de uso nos garaxes da comunidade de propietarios, e que os danos observados –filtracións de auga, desprendemento de partes de bovedilla- tampouco tiveron consecuencias no proxecto do Concello.

O alcalde, Óscar García Patiño, lembra que, o mesmo día que recibiu o aviso dos danos, contactou coa comunidade de propietarios e acudiu a 1º de Maio xunto coa concelleira de Servizos e Seguridade Cidadá e catro axentes da Policía Local. García Patiño sinala que tanto o arquitecto municipal como o director de obra incidiron entón en que non había “danos estruturais”. Aínda así, o equipo de goberno solicitou estes dous informes, que veñen confirmar que non existe risco e que non houbo danos na estrutura nin na cimentación, “atopándose nas mesmas condicións que antes do comezo dos traballo”, conclúe un dos escritos.

En canto á orixe dos problemas que se están ocasionando nos garaxes, o informe da obra pública sinala que os danos “son leves e froito da demolición dos recrecidos existentes ata a cota de capa superior do forxado de teito”. Así mesmo, o documento presentado polo director da obra pública incide en que a estrutura dos edificios non se viu afectada polas obras que se realizaron no espazo público.

O documento polo director de obra da comunidade de propietarios detalla, ademais, as diferentes medidas correctoras que se adoptaron para solucionar este problema. Entre elas, a utilización de maquinaria adecuada, o valado, apontoado e interrupción de uso das zonas de garaxe que coinciden coa zona na que se realiza o picado e a vixilancia diaria do lugar.