O BNG non aproba a moción de UxC para esixir a construción do depósito de Nós
Cos votos a favor de UxC, PSOE, PP, AV e a concelleira non adscrita, a moción saliu adiante
Unión por Cambre acaba de sacar adiante con voto a favor de toda a corporación, agás o BNG que se abstivo, unha moción para que se solicite a Emalcsa que concrete o estado de redación do proxecto de construción do depósito de Nós e as redes de conexión necesarias e a Xunta e Deputación que garantan tamén a súa participación na financiación desta obra que supera os oito millóns de euros. Na moción, defendida polo concelleiro de UxC Juan González Leirós, tamén se pediu que se establezca un calendario de prazos de redacción do proxecto, tramitación, contratación e execución, tendo en conta que se leva máis de dez anos falando deste proxecto e que o Concello de Oleiros xa puxo a disposición uns terreos en Sarro en 2017 pero a obra non acaba de arrancar.
Con esta actuación, tal e como explicou Leirós, acabaríase co problema de abastecemento dos concellos de Cambre, Oleiros, Sada e Bergondo e aliviaríase a presión en demanda no depósito de Bergondo para evitar problemas como os sufridos a principios do mes de agosto, que levou á alcaldesa de Cambre a facer un decreto chamando aos veciños e veciñas a restrinxir o uso da auga aínda co embalse a unha capacidade que superaba o 77% da súa capacidade.
Dende UxC, que dende hai anos ven reivindicando este depósito, chaman tamén a atención a falta da redación dun “Plan Territorial Integrado” e un “Programa Coordinado de Actuacións” de ámbito supramunicipal en infraestructuras básicas nas que, sí ou sí, debe involucrarse tanto a Xunta como Deputación.





