Papeis para unha breve historia de Cambre III (3)

Papeis para unha breve historia de Cambre III (3)

A Cultura Castrexa (desde o 1.200 a. X.C. ata a romanización)

O Campo da Feira de Cambre como Trebopala e Oenach

0.-INTRODUCIÓN

Esta última parte adicada á Cultura Castrexa parte da hipótese de que o Campo da Feira de Cambre, é un espazo público (oenach), especie de fósil que procede da Idade do Ferro, vencellado ao Castro de Cambre e a outros castros da contorna inmediata (Sigrás, San Cosme, Alvedro, Armental e Lema, entre outros).

O fundamento desta hipótese parte da consideración das seguintes constantes:

-relación defensa-atalaia/situación no alto/paraxe fragosa

-relación castro-villa romana-igrexa/mosteiro

Todo isto vai fundamentado coa analise da toponimia, da situación orográfica e xeográfica e dos estudos comparativos, así como das lendas, dos elementos arqueolóxicos e da estrutura viaria.

IMG_3591

1.-“Oenach” e “Trebopala”.

Os “oenach” eran lugares sagrados, lugares de reunión, especie de santuarios ao aire libre: lugares centrais, santuarios a ceo aberto que se vencellaban a elementos naturais e non amosaban ningún tipo de edificación.

Maila que o termo “oenach” procede de Irlanda, en Galicia consérvase unha epigrafía que fai referencia ao deus Oenaecus (na parroquia de Seavia, Coristanco) a partir da que se formou o termo irlandés para “oenach”, asamblea. A partires de aí, das referencias dos historiadores romanos e da arqueoloxía comparada, podemos extrapolar os costumes dos pobos celto-atlánticos a Galicia.

Nos “oenach” os celtas celebraban asambleas, cerimonias xurídicas, relixiosas e festivas, así como xogos, feiras, intercambios, etc. Ás características definitorias son: unha paraxe chaira, ubicación nun lugar central, e posuir unha pedra-altar ou varias. Tamén é importante a rede viaria de interconexión entre poboados.

IMG_3592

O “trebopala” (trebo-: tribo; -pala: pedra) era a agrupación ou unión de varios castros ao mando dun “princeps”. Esta organización perviviría coa chegada dos romanos e coa cristianización a través dos arciprestados.

2. O espazo físico.

O Campo da Feira de Cambre ubícase nun lugar central, cruce de camiños, corazón da Comarca das Mariñas dos Frades, sitio central do Golfo Ártabro. Nin os romanos construíron sobre a nada, nin os monxes bieitos edificaron sobre un ermo. Os mesmos galaicos formaron primeiro a nobleza galaico-romana e logo convertíronse en arciprestes, aproveitando sempre a coxuntura.

IMG_3593

A chaira onde se asenta ao Campo da Feira e mais o Castro, é un espazo arqueolóxico de primeiro orde. No extremo oeste atópase Castromaior; polo leste conflúen a baixada cara a Cela e o rueiro do Outeiro, coa subida a Freande, Drozo e Armental; polo sul iníciase un acusado desnivel a través de sucesivas terrazas fluviais cara ao río Mero; mirando ao norte, primeiro unha pequena depresión co regato de Amil e logo os Montes da Pega, que limitan polo norte dende os petróglifos da Pena da Nosa Señora ata Estorrentada, preto do Castro de Armental.

3.-Desvelando a interpretación.

O topónimo “outeiro” (Cela) non só significa “pequeno monte illado”, senon que tamén se pode definir como lugar místico e relixioso, lugar de encontro, o sitio do sacerdote, do oficiante, do druída: o altar, a ara.

Unha das funcións que pode cumplir o petróglifo da Pena da Nosa Señora é tamén a de altar. As “pegadas da Burra” (das que falaba no Cap. I) poden entrar dentro da categoría de “podomorfos” ou “ferraduras”. Si é así, este tipo de petroglifos servían para oficiar ceremonias de investidura dos reis celtas.

Os santuarios prehistóricos da Idade do Ferro atópanse ao aire libre, non hai edificios físicos: os ritos realizábanse nunha rocha grande, de xeito que o carácter plenamente céltico da palabra “feira” procede do termo “oenach”, o lugar de reunión por excelencia.

O topónimo “cambre” tamén pode aportar pistas. Os topónimos en “-bre” (sobre todo no Golfo Ártabro) probablemente derivan do indoeuropeo “-veris”, que significa “altura”. Pero tamén pode significar “altar”. Si é así, só lle habería que engadir o cognomen que sería un teónimo ou o nome do oficiante: “cam-“ ou “calo/a-” que equivaldría a “Calamus” (“o altar de Calamus”, por tanto). A evolución é a seguinte: Calamus viris, calam veris, calamber-calambre, cambre, e dicir: altar-outeiro de Calamus.

Os santuarios celtas, no medio do bosque sagrado (Cambre pertence á Terra de Nendos: de Nemeth-Nemitos=bosque sagrado, e de aí o termo “nemetón”, santuario céltico por antonomasia, situado no claro do bosque) tiñan unha pedra no medio, a pedra do altar (“-pala”, “Trebo-pala”= a pedra da tribo). Pois ben, un microtopónimo hoxe en desuso e olvidado demostra que no medio do Campo da Feira de Cambre existiu esa Rocha: a pedra é, en si mesma, o factor determinante da existencia do lugar sagrado, do “oenach”. O microtopónimo é “Campo da Rocha”, no inicio da Corredoira do Rocón (rocha grande). Esta é a pedra angular sobre a que descansa a miña hipótese. O “Campo da Roca” e, para o mesmo lugar, o “Souto da Roca”, é un topónimo conservado nun documento de expropiación de principios do século XX. Esta, polo tanto, é a Pedra do Altar do Campo da Feira, lugar de “oenach”, berce da Trebopala e do actual Concello de Cambre.

A consideración de Cambre como cruce de camiños é outro dato a ter en conta: aí se cruzan todos os camiños prehistóricos que levaban cara aos catro puntos cardinais, logo aproveitados polos romanos como vías secundarias e, por último, polos monxes medievais. A situación do Castro, do Xacemento romano e do mosteiro así o parecen demostrar.

IMG_3594

4.-Conclusións.

O Castro de Cambre e o Campo da Feira son o lugar central do Trebopala, centro político, administrativo, relixioso e lugar de celebración. Co seu “oenach”, lugar de asamblea, de romaría…, mantívose coa romanización. Aos romanos non lles interesaba cambiar ese orden de cousas: os antigos xefes das tribos convertiranse na nobleza-patricia galaico romana, perfectamente insertados no novo orde social e económico. Coa cristianización eses “princeps” serán os novos arciprestes, abades e bispos, aceptando a nova relixión sin problemas debido sobre todo ás ventaxas fiscais. Os arciprestados son o trasunto cristiano dos Trebopala: os pequenos estados ou “treba” da Idade do Ferro coinciden casi con exactitude cos arciprestados altomedievais.

En definitiva, o modelo de organización política da época castrexa chegou estruturalmente intacto (aínda que modificado na forma) ata a Idade Media. No que hoxe é o Campo da Feira atopábase o peñasco, a rocha dun lugar alto, dominante, e constituiu unha institución relixiosa que chegou ata hoxe cambiando as formas, pero non o sentido primixenio.

Cúmprense así as regularidades que sinalaba ao principio: relación defensa-atalaia, situación no alto e paraxe fragosa, por un lado e, polo outro, relación castro-villa romana-igrexa/mosteiro. O emprazamento do Castro-Feira de Cambre nunha paraxe chaira, a ocupación dun lugar central, a posesión dunha ou de varias pedra-altar…, parécenme datos significativos para considerar este lugar como un “santuario celta”, espazo aberto nun lugar central, a ceo aberto, protexido polo frondoso bosque, que se vencellaba a elementos naturais e non amosaba ningún tipo de construción.

O punto de interseción, a charnela sobre a que xira toda estainterpretatio, atópase no contexto castro-xacemento romano-mosteiro. A poboación dos castros e, posteriormente, das Villae romanas, celebraba os seus ritos nestes lugares dominantes de xeito que, incluso coa conversión ao cristianismo, eses rituais paganos pasaron a celebrarse nas igrexas.

Estes lugares, en suma, son algo mais que altares, son territorios ou áreas que agrupaban varios castros (trebopala). O lugar central era o lugar de feira (oenach): o lugar de reunión por excelencia, o lugar de celebración, o enclave básico da relixión e das estruturas sociopolíticas e económicas dos pobos celtas, que perviviu ata os nosos días.

Como vedes, estou falando da Galaicoi.

IMG_3596

Moncho Boga

En Sigrás, na primavera do coronavirus de 2020, permanecendo na casa.

Saúde e sorte!!!!!