Papeis para unha breve historia de Cambre III

Papeis para unha breve historia de Cambre III

CAPÍTULO III. Parte I

A Cultura Castrexa (desde o 1.200 a. X.C. ata a romanización)

A vida cotiá nos castros galegos

0.-INTRODUCIÓN.

Recapitulando: en Galicia, a primeira arquitectura monumental manifestase por medio dos enterramentos en necrópoles megalíticas (dólmenes); a Idade do Bronce caracterízase pola profusión de petroglifos e o enterramento en tumbas individuais (cistas); a Idade do Ferro defínese principalmente pola xeneralización de acrópoles: os Castros, o lugar para vivir e non sabemos onde enterraban aos seus mortos.

Galicia está espallada de Castros: calcúlase que hai mais de 5.000. A maior parte destes castros non foron escavados pero aínda así, hai arredor de 50 que foron obxecto dalgún tipo de actuación arqueolóxica. Cambre non é alleo a esta densidade de Castros: conservamos 10 en mais ou menos bo estado e dous prácticamente desfeitos.

Sabedes que para min o tema castrexo adquire dimensións de especial relevancia. O intento de poñer en valor o Castro de Cambre manifestouse coa realización das Xornadas Castrexas durante un montón de anos. Pero só grazas a actividade política e ao apoio de todos os compañeiros e asociacións, poidemos realizar unha auténtica actividade de “posta en valor”: A Galaicoi. O que non conseguín en 15 anos coas Xornadas Castrexas, o conseguimos nun ano coa Galaicoi. Con esta festa temática acadamos varios obxectivos moi claros que teñen que ver coa posta en valor do patrimonio: a limpeza da croa do castro de Cambre, o coñecemento de cómo se vestían e o tipo de construcións para vivir, o retorno económico… Hoxe en día o Castro de Cambre, grazas a esta festa temática, xa e coñecido e valorado por gran parte dos veciñ@s.

IMG_3176

1.-Os Castros

A medida que vai desaparecendo a Idade do Bronce, os habitantes da Galiza, comenzan a asentarse nun novo tipo de hábitat: os Castros. Trátase de poboados delimitados por fortes murallas seguindo unha estratexia doble, a saber, económica e defensiva.

Aséntanse en lugares con moita visibilidade, de xeito que se podían aproveitar intensivamente os recursos que tiñan cerca (agrícolas, gandeiros,pesq ueiros e mineiros) e conseguir unha mellor defensa.

Malia qiue hai moitas variantes en función da localización e da súa actividade, un castro, en liñas xerais ten as seguintes partes: croa, muralla e antecastro.

O sistema defensivo podía contar con mais dunha muralla e ademais construían foxo defensivo e diversos parapetos.

IMG_3177

2.-A vida nun castro

As xentes que vivían nos castros adicábanse á agricultura e á gandeiría fundamentalmente; a caza e o pastoreo eran importantes actividades complementarias.

Os traballos cotiáns, variados e especializados, acontecían no contexto doméstico: traballaban o metal e a madeira, a olería e as actividades textís.

A práctica da ourivería ten unha especial relevancia: destaca o traballo co ouro e coa prata, ferro, chumbo, cobre… Entre as manifestacións mais importantes destacan os torques, os brazaletes, as arracadas, as diademas, os colares, as fíbulas e os afinetes

Outra actividade que sobresae na última etapa da cultura castrexa (froito da relación co mundo romano) é a escultura e a decoración: destacan as cabezas de animais (berracos, serpes), a escultura humana (guerreiros galaicos, cabezas e figuras sedentes) e a propiamente decorativa (nas xambas e linteis das casas: trisqueis, círculos concéntricos, entrelazados…)

IMG_3178

3.-A casa castrexa

As casas ocupaban unha superficie que abranguía varias construcións (unha especie de barrio), cadansúa adicada a actividades diferentes: cociña, almacéns, habitación, obradoiro, etc. Constituían unidades familiares nas que convivían varias xeneracións.

As casas construíanse principalmente con pedra, e os tellados cubríanse de palla. En canto ás formas, predominan as cabanas circulares, máis fáciles de construír e de teitar.

As paredes revocábanse e os pavimentos eran de terra moi compactada. Os outros elementos do interior (mobles, portas, xanelas…) eran de madeira.

O lugar central adoita ocupalo o fogar: zona para facer lume que ás veces tiña un pequeno forno, un braseiro ou incluso unha especie de parrilla.

Algunhas casas posuían un segundo andar e un patín de acceso exterior. Tamén tiñan xanelas e carecían de chimenea.

4.-A alimentación

Unha das principais actividades dos castrexos era a agricultura. Empregaban ferramentas de ferro como as fouces, os sachos e probablemente tamén o arado.

Obtiñan alimentos ceralísticos coma o trigo, a cebada e o centeo; tamén cultivaban leguminosas como guisantes e fabas.

Todo isto completábase coas bellotas, coas que facían fariña. Segundo Estrabón, bebían cervexa en abundancia e gustábanlle moito as festas, os banquetes.

IMG_3180

4.-A vestimenta

Aínda que non se conservan restos de tecido desta época, temos varias vías para saber aproximadamente como vestían. A primeira procede do historiador romano Estrabón, que dí que vestían unha túnica ata os pés e unha capa. Outra vía procede das escavacións arqueolóxicas: aparecen pesas de tear e fusaiolas. A terceira vía provén das estatuas dos guerreiros galaicos.

Podemos deducir que os castrexos facían teas con lá e liño, sendo a actividade textil unha das mais importantes nos castros. Probablemente tamén empregaban o coiro dos animais domésticos (das ovellas e das vacas, sobre todo).

En xeral vestían cun saio longo ata a media coxa provisto de mangas curtas, ás veces adornados cos mesmos motivos xeométricos que utilizaban na ourivería, na cerámica ou nas xambas e linteis das casas.

Cubríanse cunha capa de lá e ceñían a vestimenta cun cinto de coiro con hebillas e apliques metálicos. Tamén utilizaban afinetes, broches, fibelas, fíbulas, arracadas, torques, diademas e brazaletes.

As Mulleres: túnica, vestido-saia con ou sen mangas e con adornos florais, vestido de tubo sin mangas, saia de cadeiras altas e longo variable, cinto con bolsa-saco de coiro, zapatos e capa.

Homes: túnica, pantalóns, cinto, saco no cinto de coiro, zapatos-sandalias, capa.

Guerreiro castrexo. Preséntovos unha reconstrución dun guerreiro castrexo que realicei na última década do século XX para o Museo de Ortigueira, onde se amosa idealmente a vestimenta dun guerreiro así como toda a panoplia militar:

-Casco de Caldelas de Tui.

-Torques de Burela.

-Manto-capa de Guimaraes.

-Camisa do Castro de San Xiao.

-Cinto con fíbula e placa de Torroso.

-Kilt (saia masculina con tartán) do Castro de Lezenho.

-Braccae-pantalóns.

-Lanza de Dozón.

-Puñal de antenas de Cariño.

-Escudo-caetra con adornos do Castro de Santa Trega.

-Falcata

IMG_3181

IMG_3182

IMG_3183

Moncho Boga

Saúde e Sorte!!!!

En Sigrás, na primavera do coronavirus de 2020, permanecendo na casa.