Papeis para unha breve historia de Cambre V (3)

Papeis para unha breve historia de Cambre V (3)

CAPÍTULO IV . A Idade Media (entre os séculos V e XV)

Parte III.A Baixa Idade Media (século XII-XIII ata o século XV)

Continuación

0.-INTRODUCIÓN

O século XII é o gran século da historia de Galicia: a época dourada, a época de Xelmírez (a “era compostelana”), das peregrinacións, da riqueza económica e, sobre todo, da arte románica. Galicia aparece no mapa de Europa. Será o gran destino espiritual de toda a cristiandade.

O Territorio de Nendos e Cambre, non é alleo a este fluir de ideas e riqueza, como se pode ver pola gran densidade de construcións románicas.

1.-A construción.

No século X dous homes, Gutier e Aloito, fillos de Nuño e de Visteverga e netos dun tal Aloito, ofrecen ao mosteiro de San Paio de Antealtares o mosteiro de Cambre con todas as súas propiedades, mobles e inmobles. Na documentación dise que Aloito, o abó, fora o fundador do Mosteiro xunto ás súas irmáns Vesteverga e Urraca Odrozia. Probablemente estaban emparentados cos Condes de Présaras, fundadores do mosteiro de Sobrado: Hermenegildo Aloitez e Paterna, a súa dona. Tamén é probable que estivesen emparentados cos Condes de Traba. Nestas datas a igrexa monacal de Cambre era un pequeno templo de tipo asturiano ramirense que será sustituida no século XII polo templo actual. Diso falarei outro pouco mais abaixo.

Estou na Plena Idade Media galega, contemplando unha paisaxe social, humana e natural que é o antecedente directo do que somos hoxe en día. Segundo a documentación, podo imaxinar unha paisaxe frondosa, cuberta de bosques case impenetrables que ocupaban unha boa parte do noso territorio: carballos, freixos, castaños silvestres, pinos autóctonos, bidueiros, etc, pero tamén vou albiscando claros no bosque e pequenas agrupacións de humilde e sinxela arquitectura: vilares, casais, lugares, igrexas, cortiñas, agros, prados…

Podo contemplar as antigas vías romanas transitadas por extraños viaxeiros, comerciantes e peregrinos (ingleses, franceses, escandinavos…); imaxino o Porto do Burgo de Faro (que abarcaba as dúas ribeiras da ría) coa ponte talvez de madeira flanqueada polas altas torres do Castelo-Fortaleza dos Cabaleiros Templarios, cunha igrexa de tres naves e ábsidas semicirculares, todo bordeado por macizas murallas ameadas e con acceso mediante pontes levadizas. No interior, a xeito de cidadela, as dependencias dos criados, dos monxes, dos aprendices, o patio de armas, os poderosos cabalos de guerra dos cabaleiros da espada e da cruz, con silla de montar e freo; os sarxentos, os escudeiros, os irmáns de oficio e os capeláns, os confrades.

Podería contemplar tamén como tanto os cabaleiros coma os delegados da Mitra Compostelá imparten xustiza e cobran impostos. Considerando esta zona como unha auténtica cidade (Burgo de Faro) podo ver a un Conde de Traba (Gómez, fillo de Fernando Pérez) o día da súa voda coa filla do Conde de Urgell. Tamén podo ver, un día calquera, a outro Conde de Traba que vivía aquí: Gonzalo, moitas veces acompañado do seu mordomo, Pedro Calvo de Faro; ou á Condesa dona Urraca González do brazo do seu home Froila Ramírez.

Neste fondo da ría (porto, Castelo, Burgo) podo contemplar un dilatado “burgo”, un novo ámbito urbano medieval con abigarradas construcións, almacéns, igrexas e barcos de cabotaxe arrimados á ponte descargando mercadurías cos guindastres, trasladadas despois en carros tirados por bois, ou por porteadores, ata os almacéns correspondentes. Podo imaxinar un mundo onde proliferan produtos marabillosos e exóticos que cambian de man nos numerosos postos de venda: madeiras, sal, viño, teas luxosas, vidro, xoias, ungüentos milagrosos…, e onde se misturan, sen orden aparente, mariñeiros, soldados, cabaleiros, nobles, clérigos, monxes, goliardos, ferreiros, alfaiates, criados, zapateiros, bandidos, rufiáns, carniceiros e moitos outros. Mais aló, río arriba, as aceñas da Barcala traballan a pleno rendimento cunha ducia de rodas de muíño; as barcadas chegan alí cargadas de trigo e millo miúdo. Un populoso burgo onde os peregrinos trataban cos templarios para iniciar a perigosa viaxe ata Compostela: salvoconducto e proteción.

Ventá románica Anceis Ábsida

Iniciando o camiño cara a Cambre, pola antiga vía romana, vexo paisaxes con soutos, novas terras roturadas; hai, espallados, cativos núcleos de poboación, con casas de palla e madeira, chousas. Pero tamén vexo outras, mais poderosas, que son de pedra coa estrutura interior de madeira, teñen eira para mallar e orreum, graneiro ou cellarium, lagar e cubas para o viño e incluso a quoquina e o molendinum de man. Calquera explotación agraria desta época posúe cubas, tonéis, ferramentas agrarias, vasos de vidro, metal ou madeira. As viñas e os pumais están por todas as partes (“Púmar Méndez”).

Por estas terras, nos primeiros e nos centrais anos do século XII, campaba e exercía o seu poder o magnate galego Fernando Pérez de Traba, amigo, ayo e compañeiro de reis; coñecido de San Bernardo, ideólogo do Císter; e amigo dos Templarios, de Xelmírez; amante da raíña Tareixa de Portugal; Conde de Galicia e Conde de Portugal. Unha das súas viaxes a Xerusalén puido ser o alicerce da instalación dos templarios no Burgo nos anos centrais do século XII.

Ao chegar a Cambre podo presentir a presenza de dona Sancha González de Lara, muller de don Fernando, co seu séquito e cos seus estandartes, disfrutar dos bens do mosteiro. O Conde de Traba separouse de dona Sancha para xuntarse con Tareixa de Portugal (nai de Afonso Henríquez, primeiro rei de Portugal) de quen foi amante e coa que tivo varios fillos. Segundo as crónicas era unha muller fermosísima. Desde 1121 o conde está en Portugal á beira de raíña Tareixa e deduzo que dona Sancha retirariase a Cambre no 1141 como monxa (“soror”), aínda que supoño que a súa estadía non sería constante: un lugar de descanso temporal e un seguro de vida para os últimos anos.

O Couto de Cambre e o seu mosteiro, aínda que nominalmente pertencía á casa matriz de San Paio de Antealtares, na práctica era dominado polos señores de Traba, que se consideran descendentes directos dos seus fundadores.

O Conde de Traba, don Fernando Pérez, é o responsable da chegada do Cister a Sobrado rehabilitando o mosteiro con monxes franceses enviados polo propio San Bernardo de Claraval. Viaxeiro impenitente, guerreiro feroz, foi cabaleiro cruzado en Terra Santa e dalí ben puido traer a Hidra de Xerusalén que hoxe se cobixa na Igrexa de Cambre. Nestes anos centrais do século XII a muller do Conde Fernando, dona Sancha, solicita ao Abade de Antealtares poder recollerse no mosteiro de Cambre “polos días da súa vida” a cambio do mosteiro de Morás. Nestas datas, os Traba, a través dun fillo de dona Sancha, están financiando a construcción da nova igrexa de Cambre, que estará finalizada a primeiros do século XIII.

4987 Muíños da Barcala e desembocadura do río Mero Anos 20

En Calambre, lugar central de Terra de Nendos, lugar do “oenach”, hai nestas datas unha actividade inusitada: estase a construir a nova igrexa monacal, porque a anterior quedou pequena e en estado ruinoso. Nas cercanías se levantan outras igrexas, polo que o tráfico de xentes e transportes de todo tipo é constante: Sigrás, Anceis, Pravio, Cela, Brexo, Vigo…, todas novas parroquias que están a edificar os seus novos templos.

Entre o maremágnum de idiomas e razas, albisco por entre a multitude, ao Mestre Canteiro (pode que se chamase Micahel) dando ordes e organizando o traballo de innumerables especialistas ao seu mando. Transportes de grandes pedras que logo son talladas ata conseguir sillares. Moitas son traballadas por escultores que deixan a súa impronta a través das historias bíblicas. Os andamiaxes de madeira rodean a poderosa e sólida construción que aos poucos vaise elevando milagrosamente cos pesados perpiaños. Alí están os especialistas, artífices dun grandioso templo: albanéis, carpinteiros, forxadores, plomeiros, canteiros, portadores, carreteiros… En pouco menos de oitenta anos a nova igrexa estará rematada, con solucións novedosas e revolucionarias importadas de Francia (arcos oxivais da xirola).

O Mestre Canteiro (arquitecto) é un sabio, garda segredos construtivos que veñen desde os pitagóricos, desde os romanos: posúe as claves do coñecemento perfecto que está nos números e nas súas combinacións. Vai concebir a igrexa de Cambre como unha ecuación, como unha copia do orde cósmico. Cada unha das cifras que utiliza posúe unha significación segreda: participa da maxia e da estética a través da proporción. Non só é un arquitecto, é un artista e un nigromante. Sigue o modelo da Catedral de Santiago, unha copia exacta pero en pequechiño.

Todo o Territorio de Nendos en xeral vaise ver inundado por pequenos templos rurais románicos, ata ser a comarca con mais densidade de toda Galicia. Falando de Terra de Nendos: non me olvido daquel lonxano punto de partida… Efectivamente, o Arcedianato, o antigo Treba ou territorio celta, sigue a ser o mesmo: o mosteiro de Cambre ubicouse ao sur do Campo da Feira; ao norte, aínda podo ver o Campo da Pedra, o lugar da tribo, o lugar sagrado por antonomasia dos celtas. Neste lugar máxico, a toponimia diferencia perfectamente os emprazamentos, cada un coa súa propia sacralidade: Campo da Feira, Campo da Roca, Campo das Vacas, Campo dos Porcos, Socampo, Samosteiro, Campo dos Cabritos, Rocón, Toural…

Río Mero debuxo224

O Conde de Traba, don Fernando Pérez, belicoso, pendencieiro e curtido en mil lances, é sabedor da influencia da igrexa, do seu cada vez mais grande poder e esto levao á confrontación con outro dos señores mais poderosos do noso Territorio, o Arcediano de Nendos, Pedro Crescóniz. No ano 1134, o Conde prendeu nada menos que ao Arcediano. Non sei cal é a razón, pero podo imaxinar que serán motivos de xurisdición, e dicir, cuestións de poder. Tan conmocionante debeu ser o feito que o arcebispo Xelmírez chegou a escomulgalo, cousa pouco frecuente cando se trata da nobleza. Só esta extraordinaria medida foi capaz de conseguir que o Conde liberase ao Arcediano baixo a promesa de non volver a cometer tropelía semellante.

Si continuo a miña viaxe desde Cambre, pola antiga Vía XX, pasando por Cela, O Corgo, Lema e collo o desvío que me leva a Bribes polo Camiño Francés, poderei ver como o Monxe-Abade Cresconio Muñiz señorea estas bucólicas terras do val do río Brexa, aló polos anos centrais do lonxano século XII. Sei das súas pelexas co arcebispo de Santiago para ser nomeado abade (non en balde dotara ao mosteiro de todo o necesario para que os monxes non pasaran necesidades ) facendo valer así os seus dereitos. Pero tamén sei da taxativa negativa do arcebispo: o Abade débese nomear por votación entre todos os monxes.

Seguramente, un pouco mais lonxe, xa se vislumbra a construcción dun Castelo que pasou a ser mais lexendario que real, a saber, a Torre de Andeiro. A seguinte centuria será a hora do protagonismo dunha emerxente nobleza da que o autonomeado Conde de Andeiro será un dos destacados protagonistas.

Pero si lle voto valor, e inicio a peregrinaxe pola readaptada vía secundaria que leva a Compostela, xa poderei contemplar toda unha serie de establecementos vencellados ás rutas moi transitadas, neste caso o Camiño Inglés. Si se ten en conta que o Hospital de Bruma (Mesía), aparece documentado por vez primeira a mediados do século XII, non hai razón para non deducir o establecemento de albergues viarios tipo mesóns ou hospitais, como o Hospital de Sigrás, vencellado aos Templarios nos primeiros tempos.

Nos anos centrais do século XII, a peregrinación a Compostela está plenamente consolidada. Ao porto do Burgo de Faro (e pouco logo ao da Coruña) arriban barcos cargados de viaxeiros, de xente diversa, que peregrinan por distintas motivacións. Chegan comerciantes e mercaderes que tamén peregrinan, pero que aproveitan para vender as súas mercadurías: traen de países lonxanos produtos necesarios e agradables, xéneros e obxectos exóticos… Chegan ingleses, daneses, suecos, britanos, convertendo ao Burgo de Faro nunha vila bulliciosa e cosmopolita. Normalmente esta é unha etapa da viaxe a Roma ou a Xerusalén. Moitos deixan feito o testamento porque o retorno é incerto.

Mailos mercaderes, viaxan os “miserables, os tristes, os xitanos, os aristócratas, os bispos”. Non só viaxan impulsados pola devoción cristiana: uns para olvidar, para fuxir das débedas; outros para cumplir unha pena civil, por exemplo os adúlteros. Tamén podo distinguir fácilmente os pillos, os truháns, os facinerosos, buscóns e os perseguidos relixiosos ou políticos. Toda esta morea de xente non só se vai introducir no bosque impenetrable, onde viven os monstros, as bruxas e o demo, senón que é onde se esconden os bandoleiros, asesinos, os bárbaros e os lobos.

Podo arroxarme ao Camiño amparado polos Templarios, pagando pola súa protección. Pero é caro: só uns poucos o poden pagar. Hai tarifas intermedias polas que podo usar os seus establecementos hospitalarios, ubicados ao longo do Camiño (Sigrás, Bailía, Bruma, Poulo…) Elixo esta opción e aos poucos aparece o bosque coa súa impenetrable negrura, a barreira que limita o ámbito do descoñecido, das tinieblas, da oscuridade. No bosque aínda está o druida cos seus altares e o muérdago, as bruxas, os fenómenos extraños, os altares paganos, os restos dos dólmenes e castros, os círculos e as moreas de pedras. Pero tamén están as guaridas dos malhechores, fuxitivos, proscritos e ladróns. Con eles os animais fantásticos, os dragóns, as ninfas das fontes, os mouros e as mouras encantadas, os trasnos…

Grupos abigarrados de peregrinos con vestiduras tamén diferentes: destacan os aristócratas con peles de ardilla, marta cibelina ou de conexo; os campesinos visten con lá grosa. Por aquí estudantes, predicadores, monxes, conversos, saltimbanquis, artistas, trovadores; por aló, o descoñecido.

E chego á Ponte da Xira. Está en obras, con reformas: unha cuadrilla de canteiros estalle a construir un novo arco por enriba do vello, para reforzalo. O tráfico incesante fai necesario o fornecemento da súa estrutura.

E por fin chego á igrexa de Sigrás. Tamén está en obras, como casi todo o Territorio de Nendos. Unha pequena igrexa dunha soa nave e ábsida semicircular está sendo rematada. Hai varias dependencias que denotan a súa especial característica hospitalaria: a vivenda do cura, habitacións para aloxamento, estábulos para as cabalerías, zona de comida-taberna, latrinas públicas e un gran forno de pan con forma esférica de mais de dous metros de diámetro.

(CONTINUARÁ…)

Moncho Boga

En Sigrás, na primavera do coronavirus de 2020, permanecendo na casa.

Saúde e sorte!!!!!