UxC aplaude a iniciativa social para celebrar a Romaría Castrexa

UxC aplaude a iniciativa social para celebrar a Romaría Castrexa

A voceira do Grupo Municipal de Unión por Cambre, lamenta que a alcaldesa nin sequera buscase saídas para poder celebrar a Galaicoi porque as escusas que puxo xa non as cree ninguén. Nin fai Galaicoi, nin licita o Mañanceiro nin paga os convenios das ANPAs.

Unión por Cambre aplaude a iniciativa do tecido asociativo de Cambre por, pese a todos aos atrancos que lles puxeron inicialmente dende o goberno de Diana Piñeiro, celebrar hoxe a Romaría Castrexa no Castro de Cambre. Un evento co que se pretende manter vivo o espíritu da romaría castrexo-romana Galaicoi pese as lamentable decisión do goberno popular de Piñeiro que decidiu acabar dun plumazo coa edición 2025 da Galaicoi, cando só faltaba abrir ofertas e adxudicar.

“Cargouse a Galaicoi porque sí. Porque lles molesta que esta romaría fose creada por Unión por Cambre. As escusas dadas para xustificar a súa decisión non son reais. Hoxe non hai Galaicoi, pero tampouco se licitou o servizo do Mañanceiro nin se asinaron nin pagaron os convenio coas ANPAs” apunta a voceira de Unión por Cambre, María Pan, que afea a Piñeiro a súa actitude belixerante coas asociacións organizadoras así como o feito de que esté participando nesas reunións unha persoa allea ao grupo de goberno que se presenta como membro de O Noso Burgo, que non ten vinculación ningunha coa organización desta romaría. 

Pan lamenta que “non contenta con cargarse un evento cultural e patrimonial que atraía a milleiros de persoas a Cambre nunha fin de semana cunha repercusión económica moi importante para o comercio e hostalería da zona, puxo todos os atrancos do mundo para que os veciños non puidesen celebrar este evento hoxe. De malas formas, a alcaldesa quixo cortar de raíz esta iniciativa dicindo que o concello non tiña seguro de Responsabilidade Civil que cubrise as súas actividades. Afirmación falsa, porque foi asinado o día 3 de xuño deste ano a través do acordo marco da FEMP. Buscan escusas que se basan en mentiras para tentar que ninguén tome iniciativas propias, están tentando, a base de ameazas e presións, ter a todo o mundo amedrentado e deixar esmorecer o concello pouco a pouco”.

Dende Unión por Cambre lamentan a pouca capacidade de diálogo e negociación do goberno de Diana Piñeiro e se preguntan como persoas alleas ao grupo de goberno están participando en reunións coas asociacións e mesmo toman a palabra para mediar ou aconsellar. “O concello, Sra. Piñeiro, non é a súa casa. Non se esqueza que é a casa de todos os cambreses e cambresas. Vostede se está aí, é porque no seu día un grupo de veciños a respaldaron, e a todos os cambreses, lle votasen ou non, lles debe respeto, traballo e lealdade”, apuntan dende o Grupo Municipal de Unión por Cambre.

Finalmente o romaría castrexa, na que tamén participa UxC como unha entidade máis, puido celebrarse pola iniciativa de varias asociacións dispostas a facer a romaría sí ou sí, en fincas privadas situadas no castro, pois o concello non accedeu a ceder o uso da finca municipal que alí hai, aínda que, debido a presión dos veciños e veciñas, non tiveron máis opción que acceder a algunhas peticións. Unión por Cambre agradece a todas as asociacións implicadas na celebración desta romaría o seu traballo e esforzo, acadando así que o espíritu da Galaicoi non se perda, porque algo que xa é noso, algo que Cambre adoptou como propio, non o pode cargar ningún goberno. O sentir do pobo sempre debe primar nas decisións políticas