UxC propón loitar contra a soidade cun programa de visitas ás persoas que viven soas
O partido que lidera Óscar García Patiño está moi sensibilizado co problema de soidade que sofren moitos veciños e veciñas para os que xa puxo en marcha, durante a pandemia, un programa de chamadas telefónicas para acompañalos e axudarlles nos peores momentos. Para seguir traballando nesa mesma liña, crearase un censo de persoas que viven soas no municipio. Unha vez se dispoña deste documento, ofreceráselles un servizo de acompañamento con visitas dos axentes en segunda actividade da policía local. O obxectivo non é outro que ofrecerlles compañía, escoitalos e axudalos naquelas demandas que fagan.
As propostas de UxC no eido da política de benestar social tamén se centran en achegar os servizos sociais ás parroquias para facilitar aos maiores e persoas con dificultades de mobilidade os trámites que precisen facer, levar a cabo un programa integral de prevención das violencias de xénero así como ampliar os proxectos de educación familiar.