UxC porá en marcha a Feira Cambre Noutrora 1900
Cambre conta cun patrimonio único en toda a comarca, un patrimonio que ademais de protexerse, ten que servir para xerar emprego e riqueza. Por iso, desde UxC vaise recuperar a feira tradicional de Cambre nunha celebración anual na que veciños, veciñas e visitantes poidan coñecer e vivir a importancia que, no pasado, tiñan as feiras en Cambre. Esa feira, que levará por nome Feira Cambre Noutrora 1900, servirá para revivir no campo da feira imaxes da exposición de gando, de apeiros de labranza e produtos do agro que, a día de hoxe, aínda seguen presentes nas dúas feiras mensuais que se celebran en Cambre.
Unha nova actividade que se integrará con outras citas xa consolidadas e postas en marcha por UxC como a Galaicoi, que está chamada a completarse co programa Cambre en Celta.
Continuar co plan de recuperación e mantemento de cruceiros, seguir a impulsar o Vivencias de Cambre para deixar recollida a sabedoría dos nosos maiores, seguir a traballar para facer de uso público as casas reitorais ou completar a información turística coa guía de establecementos hostaleiros e hoteleiros, son outras das accións a impulsar por UxC na vindeira lexislatura. Algo que lograremos con códigos QR que chegarán aos puntos de maior interese turístico e comercial a fin de achegar información útil para os veciños e veciñas e para os visitantes.