UxC transforma o centro de Cambre

UxC transforma o centro de Cambre

O centro da capital municipal acolle, actualmente, tres obras que van mudar o centro de Cambre. Trátase da apertura aos veciños da Horta da Reitoral, o derribo das edificacións da rúa Balado e a construción da Casa da Cultura. A estas obras sumaranse, no que queda de lexislatura, outras actuacións que modificarán considerablemente o centro da vila para acadar, sobre todo, máis espazo para os veciños e a mellora da mobilidade no centro de Cambre.

A primeira das actuacións que está a piques de rematar é a apertura da Horta da Reitoral. Veciños e visitantes poderán disfrutar nuns días da ampliación do parque da Igrexa, coa incorporación de máis de 3.000 metros cadrados de zona verde que se encontraban dentro da muralla da reitoral. O terreo, que debería ser de titularidade pública dende o ano 2006, foi recuperado agora despois de que, en 2016, o goberno de García Patiño, reclamase este terreo ao Arzobispado de Santiago. Con esta actuación, Cambre amplía considerablemente o espazo público para disfrute dos veciños. Alí, durante o outono, levarase a cabo a segunda fase das obras coa construción dunha senda peonil que conectará a zona do anfiteatro coa beirarrúa da estrada da Estación.

O derrube das edificacións do Balado e a mellora da conexión entre a rúa Balado e a AC-214, é outras das actuacións que modificarán o centro de Cambre. O proxecto, que levaba anos nun caixón, permitirá aos vecinos contar cunha nova praza pública no centro de Cambre ademáis de mellorar a mobilidade na zona. O proxecto, xa en licitación, será financiado con cargo ao superávit municipal.

A construción da Casa da Cultura completa as obras que se executan actualmente no centro da capital municipal. Esta edificación na que se ubicará a Biblioteca Municipal, un auditorio, un arquivo e unha sala de exposicións, foi un proxecto que barallaron diferentes gobernos e que finalmente se fai realidade co goberno de García Patiño. A obra, que se adxudicou en marzo de 2018 por importe de 1.350.360 euros, dará resposta a unha demanda histórica dos veciños do concello.

Con esta actuación,  ademáis de acadar máis espazo para a actividade cultural que se desenvolve no concello, cun auditorio de 1.643 metros cadrados, o concello aforrarase os 80.000 euros anuais que se pagan por usar o espazo que ocupa a Biblioteca Municipal no edificio do Centro de Saúde de Cambre. A Casa da Cultura permitirá, ademáis, esixir ao Sergas ampliar o espazo e os servizos que presta o Centro de Saúde de Cambre ao quedar liberado o espazo da primeira pranta.

 

Aparcamento e novos espazos públicos

As actuacións completaranse, próximamente, coa creación de novas prazas de aparcamento no centro de Cambre. Prazas que se habilitarán na finca dos Molina, ao lado da Casa Consistorial, e co desenvolvemento da Unidade de Execución UE3 entre a carretera da Estación e a rúa Pumar Méndez. Esta actuación suporá o derribo de varias viviendas no centro de Cambre e a construción de varios edificios, quedando espazo para equipamentos públicos, unha praza e espazos verdes entre a igrexa e a intersección da AC-214 coa estrada que vai a Brexo-Lema. Esta actuación permitirá, ademais, a apertura dun novo vial que conectará a estrada da Estación coa que vai a Brexo-Lema. Un vial que mellorará o tráfico rodado no centro de Cambre e incorporará novas prazas de aparcamento.